A campaña institucional “Ante a violencia machista, resposta universal” consiste nun berro colectivo contra a lacra da violencia de xénero con motivo do 25 de novembro, que promove a resposta unánime de institucións, administracións, familias e cidadanía enteira para erradicar esta realidade intolerable. Impulsada pola Subdelegación do Goberno e a Facultade de Ciencias Sociais da UVigo, esta iniciativa pioneira permitiu que alumnas do máster de Publicidade deseñen os carteis e a propaganda para cinco concellos da provincia –Redondela, Sanxenxo, Moaña, Ponteareas e Lalín–, cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Emma Torres, e o equipo de alumnas do máster de Publicidade do pasado ano formado por Laura González Trabazo, Ana Tasende e Sara Nieto presentaron hoxe no Concello de Redondela esta iniciativa, que é o resultado dun traballo das mozas publicistas en colaboración coas institucións. Na presentación tamén estiveron presentes a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, e o concelleiro de Infraestruturas e Sustentabilidade, Roberto Villar.
Cada concello colaborou directamente co equipo de alumnas na produción dos materiais, adaptándoos ás súas realidades locais para un impacto máis preciso e efectivo. As alumnas responsables mostrábanse ilusionadas e cheas de orgullo ao amosar o froito de meses de dedicación, e agradecían ea oportunidade de ser parte dun mes enteiro de apoio ás mulleres afectadas pola violencia machista.
Explicaron que o seu traballo busca transmitir a unidade a través de ilustracións como un abrazo colectivo que simboliza a sororidade e o compromiso compartido. “A linguaxe da violencia é universal. A resposta tamén o é”, resumiron, facendo fincapé na mensaxe de colaboración que ilustra os carteis promocionais do 25N.
“O noso obxectivo principal foi crear unha rede de apoio sólida para as mulleres vítimas de violencia machista, cun enfoque inicial nas mulleres migrantes, xa que as limitacións que atopan no noso contexto –como barreiras lingüísticas, administrativas ou sociais– fáganas extremadamente dependentes dunha rede externa de solidariedade. Por iso, na imaxe central do cartel, representamos un abrazo colectivo entre mulleres de perfís e orixes moi diversos” que como explican, simboliza esa rede de apoio esencial que moitas precisan para adquirir as ferramentas necesarias para sanar e reconstruír as súas vidas.
Este abrazo colectivo tamén busca contrarrestar a idea errónea de que a responsabilidade recae unicamente nas mulleres por non saír da situación de violencia; en realidade, existen múltiples limitacións –económicas, emocionais ou estruturais– que as illan e as manteñen atrapadas. A través desta imaxe, queren subliñar que só cun compromiso compartido e un apoio colectivo pódese verdadeiramente axudar a romper eses ciclos e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e segura.
A alcaldesa Digna Rivas salientou que “desde o Concello traballamos todos os días do ano na prevención da violencia machista, con actividades para darlle visibilidade a esta problemática e concienciar á sociedade. Neste mes de novembro, a programación refórzase aínda máis con accións dirixidas especialmente ao alumnado dos institutos e colexios, porque na educación está a base da prevención de condutas machistas”, e tamén para o público en xeral. O lema da campaña, “Ante a violencia machista, resposta universal”, esixe a implicación das institucións, administracións, familias e cidadanía enteira.
Pola súa banda, o subdelegado Abel Losada subliñou o enfoque da iniciativa na prevención da dobre vitimización das mulleres inmigrantes e reivindicou o sistema VioGén como “peza central desa política pública crucial e irrenunciable que é a Igualdade”. Con máis de 1.900 mulleres na provincia baixo protección policial, Losada afirmou que “a loita pola Igualdade continúa e está lonxe de rematar”. Congratulouse da colaboración con “un máster público dunha universidade pública como é a UVigo”, e engadiu: “Que algunha das mulleres de Redondela que sofre violencia ou a ve de preto reciba a mensaxe desta campaña é satisfactorio, e máis aínda que chegue aos ollos ou os ouvidos dos maltratadores”. Ademais, destacou o incremento do 8% nos casos de violencia machista en Galicia no último ano, segundo o Observatorio contra a Violencia de Xénero, e a importancia do Pacto de Estado.
En Redondela, o Concello tamén incorpora á campaña unha acción específica: os colexios, institutos e entidades participantes recibirán siluetas de mulleres proporcionadas polo propio Concello, onde poderán escribir as súas respostas persoais ante a violencia machista, fomentando así a educación, a prevención e o compromiso compartido.
Esta iniciativa reflicte o compromiso continuo das institucións por unha sociedade libre de violencia, onde a educación e a empatía sexan as ferramentas principais para o cambio. A programación completa do 25N en Redondela, que se alongará todo o mes de novembro con accións educativas e culturais, detállase a continuación.
PROGRAMACIÓN 25N CONCELLO DE REDONDELA
A programación arranca cunha actividade de presentación de “Respostas contra a Violencia Machista” na Praza do Concello de Redondela o venres 14 de novembro ás 12:00 horas, e continuará na Alameda Rosalía de Castro de Chapela o sábado 15 de novembro ás 12:00 horas.
Un dos eixes centrais é a Escola de Familias “Previr dende o Fogar”, que ofrece tres sesións temáticas sobre educación afectiva-sexual en diferentes etapas educativas. Así, o mércores 12 de novembro ás 17:00 horas, na Escola Unitaria de San Pedro de Cesantes, abordarase a educación afectiva-sexual na etapa infantil. O mércores 19 de novembro, no CEIP Outeiro das Penas, centrarase na etapa de primaria, tamén ás 17:00 horas. E o mércores 26 de novembro, no IES Chapela, tocará a etapa de secundaria, igualmente ás 17:00 horas. Estas sesións contan cun servizo de obradoiros lúdico-educativos para favorecer a conciliación familiar.
Para o público infantil e familiar, programouse o contacontos “Eu non quero” a cargo de Ana M.ª Carreira, que terá lugar na Biblioteca Xela Arias de Chapela (Multiúsos Piñeiral do Crego) o venres 21 de novembro ás 19:00 horas.
O acto central do 25N celébrase o martes 25 de novembro ás 12:00 horas na Praza do Concello. Incluír á lectura da Declaración Institucional, así como a lectura de manifestos por parte da Asociación Andaina de persoas con diversidade funcional e da Asociación Lenda de Saúde Mental, xunto con representacións dos Centros de Día e dos centros educativos do concello. Ademais, haberá unha performance titulada “Coida todo o que amas” de Iria Sobrado, e unha entrega floral na árbore Ginkgo biloba situada na rúa Salgueiral.
A programación continúa coa entrega do V Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, que se celebrará na Oficina de Turismo (rúa Isidoro Queimaliños) o venres 28 de novembro ás 12:00 horas.
O primeiro Ciclo de Teatro Mestra Paulina trae dúas pezas ao Auditorio Multiúsos da Xunqueira. A primeira, “DeSexo” de Talia Teatro, representarase o domingo 30 de novembro ás 18:00 horas. A segunda, “Sophie” de Redrum Teatro, subir ao escenario o sábado 13 de decembro ás 20:00 horas.
Ademais, para o curso 2025/2026, o Concello impulsará obradoiros dirixidos ao alumnado dos centros escolares do municipio, baixo os títulos de “Falemos de Sexo”, “Prevención de Trastornos de Condutas Alimentarias: violencia estética” e “Pataformas dixitais e sexualidade”.









