O Redondela FS celebraba a súa primeira vitoria da tempada, e que mellor escenario que o seu propio pavillón. Nun partido intenso e defensivo, impuxéronse por 1-0 ao ADC Lugo Sala B grazas a un gol de Javier no minuto 39, que desatou a euforia entre os afeccionados locais. Dirixidos por Félix, os redondeláns suman agora 5 puntos tras cinco derrotas, dous empates e esta vitoria tan agardada. Mantéñense na brecha da máxima categoría galega, coa mirada xa posta na próxima xornada: unha visita complicada ao Sport Sala FS, actual líder da Terceira Nacional.
Outeiro de Rei SD – SD Pazos de Borbén FS (9-5)
O sénior masculino da SD Pazos de Borbén FS caeu nun vibrante e igualado encontro ante o Outeiro de Rei SD, que se impuxo por 9-5 nun pavillón de Outeiro cheo de ambiente. Aínda que o marcador reflicte un resultado avultado, segundo o club “o xogo foi moito máis parello do que suxire a cifras finais”. Os goleadores locais foron Diego, Martín, Luis, Jacobo e Simón, que o deron todo sobre a pista. Nas redes sociais, o club destacou o apoio incondicional da afección vermella: “Bonito e vibrante encontro o vivido hoxe en terras lucenses. O da afección vermella, un espectáculo. Festivo, viaxe de case 3 horas, e enchemos un bus e máis de tres coches particulares. Temos un tesouro, grazas. Os nosos caen ao oitavo posto, e a vindeira semana visitarán Viana do Bolo”. Así é, a próxima cita será fóra de casa, no campo do Vianariño FS, onde buscarán a vitoria de novo.
Campito Chapela FS – CD Beade (2-2)
Na liga de Preferente, o Campito Chapela FS rescatou un valioso empate a 2 goles na súa casa ante o CD Beade, nunha tempada que se presenta sólida e prometedora. Con 13 puntos no peto (4 vitorias, 3 empates e só unha derrota), colócanse na sétima praza e mostran unha gran capacidade de reacción. Os heroes da xornada foron Pedro e Nicolás, autores dos tantos que viraron o marcador e aseguraron o punto. A próxima proba será un desprazamento ao Academia Futsal Ourense, onde intentarán sumar tres puntos para seguir escalando.
Escola Futsal Morrazo – Arealonga FS Chapela (6-8)
Na Primeira Galicia, o Arealonga FS Chapela segue a carreira ascendente e suma a súa segunda vitoria da tempada, nunha remontada espectacular por 8-6 ante a Escola Futsal Morrazo. Estes 6 puntos acumulados afastan aos beretes do fondo da táboa e inxectan moral ao equipo, que comeza a coller confianza. A vindeira xornada acollerán ao Celado FS de Mos no seu feudo.









