Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alén Nós rende homenaxe ao veterano sindicalista Guillermo Fontán

guillermo

O Colectivo cultural organiza este acto o sábado 15 de novembro coincidindo co aniversario do histórico activista de Redondela, Guillermo Fontán. Ademais do xantar que se celebrará no Restaurante Casas e que será un encontro de confraternidade entre todos os que o coñecen e que queiran sumarse a esta homenaxe, Alén Nós presentará un libro colectivo no que recompila textos laudatorios de persoas do mundo social, sindical, político e cultural, así como unha memoria da súa traxectoria vital.

O coletivo busca así render homenaxe a un dos seus integrantes quen participou na fundación de Alén Nós así como en múltiples iniciativas culturais e veciñais ao longo das últimas décadas e de quen destacan a súa forte vinculación co movemento obreiro e sindical. Explican que “desde o Mondariz da posguerra ata o presente, a súa traxectoria percorre o sindicalismo clandestino durante a ditadura, a loita obreira, o activismo veciñal e a defensa do ben común. Sindicalista, militante e defensor incansable da xustiza social, fixo da solidariedade un xeito de vida. A súa voz, sempre libre e comprometida, continúa a inspirar novas xeracións na defensa da lingua, do patrimonio e dos dereitos colectivos. Honrar a Guillermo é honrar a forza transformadora da conciencia e da acción colectiva”.

De feito, Fontán participou nas loitas obreiras de 1972 en Vigo e vinculouse ao movemento obreiro durante as loitas sindicais antifranquistas, que marcou a cidade nos anos setenta, participando activamente nas mobilizacións e accións sindicais daquel período, un fito histórico no que centos de persoas traballadoras de Vigo expresaron a súa resistencia e reivindicacións laborais.

Foi ademias representante sindical dos traballadores do Concello de Redondela ao longo de tres décadas e desempeñou tamén labores de representación en movementos de pensionistas e colectivos sociais (MODEPEN), onde tivo cargos de coordinación e visibilidade pública na defensa das pensións públicas e do benestar das persoas maiores.

Outra das súas facetas está vinculada co movemento veciñal, xa que foi representante e portavoz do asociacionismo veciñal de Chapela, asumindo responsabilidades na defensa dos intereses da parroquia e participando en iniciativas supralocais vinculadas ao movemento veciñal galego.

O libro que na súa honra ten preparado o colectivo Alén Nós recolle estes e outros aspectos do periplo vital de Fontán “exemplo de coherencia, dignidade e compromiso social”.

As persoas interesadas en participar nesta homenaxe poden inscribirse nos teléfonos 615189257 – 616635708. O prezo é de 25 euros  (xantar + libro homenaxe).

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará