Foto: Anecdotario Redondelán
Sorpresa macabra na xornada de hoxe no cemiterio parroquial de Cedeira. A investigación, que está nunha fase moi inicial, continúa aberta de cara a dilucidar como este ataúde puido acabar no interior dun nicho cando aos seus propietarios non lles consta que esta sepultura estivera ocupada.
Os feitos descubríanse na mañá de hoxe domingo e causaban un revuelo importante entre a veciñanza e persoas que acudían nesta xornada a este camposanto. Todo apunta a que unha testemuña, que se atopaba no interior do cemiterio, escoitou un golpe que se correspondería co desprendemento da tapa de cemento que recobre habitualmente as bocas dos nichos.
Unha vez no lugar descubriuse que no interior deste nicho –que carecía de lápida que identificara ao posible defunto- atopábase un ataúde.
Postos en contacto co propietario, esta persoa tería confirmado que o nicho debía estar baleiro, polo que se chamou á Policía Local que se personou no lugar xunto co concelleiro de Mercados e Parroquias, Vicente Lamas.
A investigación deberá dilucidar agora se este feito é froito dun erro polo que se recorreu ás autoridades eclesiásticas para que comproben os datos no seu poder.
Especulacións
Durante a mañá houbo numerosas “teorías” por parte da veciñanza sobre o acontecido. Incluso había quen apuntaba que se puidera trata dunha broma macabra ao darse a casualidade de atopármonos na fin de semana na que se celebra O Día de Defuntos xunto coas festas do Samaín eo Halloween. Con todo, parece que se tratou dun feito casual que a tapa do nicho rompera xusto nesta xornada deixando o seu interior ao descuberto.









