A moción, presentada por AER, saíu adiante ao contar co voto a favor de PSOE e BNG e estima que se poderían recadar máis de 160.000 euros anuais atendendo ao número de visitantes, principalmente peregrinos, que pernoctan en Redondela. Os populares votaron en contra e acusaron ao goberno de cargar contra o turismo e contra os autonómos que viven deste sector co único obxectivo de recadar. A aplicación da taxa queda pendente da aprobación dunha ordenanza que a regule polo que as pretensións da Agrupación de Electores de comezar a aplicala en dous meses non parece factible.
A moción presentada por AER argumentaba que a aplicación dunha taxa ás estancias turísticas que gravará a pernocta en todo tipo de aloxamentos hotelerios, incluídos os apartamentos ou as vivendas turísticas, sería beneficiosa a nivel medioambiental e económico.
O edil de AER explicaba que dado o incremento notable de turismo, nomeadamente peregrinos que pasan pola nosa vila e que estiman son máis de 160.000 ao ano, sería lóxico valorar a aplicación dunha taxa cuxa recadación serviría para sufragar investimentos e gastos que teñen que ver co turismo sostible.
Unha taxa de 1 euro por noite “que non vai desanimar a ninguén a vir a Redondela pero si vai supoñer un ingreso importante para as arcas municipais”.
Apuntaba o edil que esta taxa viría compensar o uso que as 500 persoas que cada día pasan por Redondela fan das infraestruturas municipais. “Un euro ao día non vai desincentivar practicamente a ningún peregrino e, pola contra, ao Concello vaille permitir uns ingresos dunha dimensión considerable”, concluía Roberto Villar.
Un debate que serviu tamén para falar dos “efectos perniciosos que o elevado incremento de turistas está a ter no mercado da vivenda”.
O edil do BNG , Xoán Carlos González defendeu o acaído da proposta ante un incremento notable do número de peregrinos, pero tamén cualificou de precipitado pretender que entre en vigor no prazo de tres meses, polo que animou ao concello a debater este asunto con calma e tranquilidade.
Insistía o nacionalista que “o primeiro que debería facer o goberno local é regular as vivendas de uso turístico” aplicando medidas como “acotar temporalmente o seu funcionamento, limitalas ao primeiro andar dos edificios ou protexer zonas como o casco vello”.
O PSOE trasladaba o seu apoio á proposta dos seus socios de goberno por entender que é “unha medida axeitada e xusta”, practicamente simbólica para o turismo xa que sería dun euro por persoa e noite “que non vai supoñer unha carga excesiva para ningún visitante”.
Rita Pérez falaba tamén do incremento do turismo “un orgullo ao tempo que un sobreesforzo para os servizos e as infraestruturas municipais” e facía referencia aos datos cos que conta o concello en canto á vivenda turística: 229 vivendas de uso turístico e 25 establecementos de turismo tradicional (albergues, hostais e turismo rural).
Os tres grupos apoiaron a moción. Non así o PP quen insistía en que o único obxecto da medida é “recadar” e falaban dun “taxazo que volve cargar contra os pequenos autónomos e o comercio local”. Ana Alonso amosaba a súa sorpresa porque Redondela se adiante na aplicación desta taxa turística cando a día de hoxe tan só a teñen en vigor Santiago e A Coruña en toda Galicia.
Criticaba tamén a ordenanza que busca regular as vivendas turísticas e que “obriga a cumprir cunha normativa que non cumpre nin o Concello”.









