Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Despois de tantos anos de silencio, ‘San Simón’ abre unha nova necesidade: recuperar a memoria

San-Simon-pelicula-1-1140x570

O Multiusos da Xunqueira transformouse o pasado domingo, 27 de outubro, nun espazo de reflexión colectiva e emoción contida. Alí tivo lugar un coloquio sobre a película San Simón, dirixida polo realizador Miguel Ángel Delgado, nun acto organizado polo Colectivo Republicano de Redondela que encheu as bancadas ata a bandeira. O evento reuniu ao director e aos actores principais –como Eduardo Rodríguez Cunha «Tatán», Andrés Giráldez, Miguel Borines, Roberto Casal e Ana Fontenla, moitos deles veciños de Redondela–, xunto a Antonio Caeiro de O Faiado da Memoria e a alcaldesa Digna Rivas. Esta xuntanza puxo de manifesto o peso das producións cinematográficas na recuperación da memoria histórica e democrática, nun contexto español onde aínda se debate a herdanza do franquismo.

Trátase, de feito, da primeira longametraxe española que reconstrúe a historia dun campo de concentración franquista, un fito que o coloquio destacou como esencial para visibilizar un capítulo silenciado da Guerra Civil e da ditadura. Moderado por membros do colectivo, o debate centrouse no impacto emocional e cultural de San Simón, unha obra que evoca os sete anos nos que a illa de San Simón funcionou como penal franquista, dende outubro de 1936 ata marzo de 1943. Polas súas instalacións pasaron máis de 6.000 presos políticos republicanos, con polo menos 463 mortes rexistradas por fusilamentos, epidemias e condicións inxustificables de insalubridade e fame, segundo os arquivos históricos recuperados.

A cinta chegou ás salas comerciais de todo o país o 24 de outubro e mantense en carteleira en varios cines, cunha presenza destacada en Galicia: nos Multicines Norte de Vigo, nos Cines Tamberlick Plaza Elíptica de Vigo e nos Cines Cantones de A Coruña, onde segue programada esta semana. A nivel nacional, participará na Festa do Cine de novembro, estendendo a súa dispoñibilidade ata finais dese mes como mínimo. Dirixida por Delgado, San Simón narra a vida no campo a través dunha estrutura episódica e un estilo visual austero en branco e negro, que captura o contraste entre a beleza idílica da illa e a brutalidade do réxime. O reparto combina actores profesionais con non profesionais –moitos descendentes de presos reais–, e os personaxes inspíranse en figuras históricas documentadas mediante arquivos en colaboración co Faiado da Memoria, cartas, diarios e fotografías.

Entre as interpretacións máis conmovedoras destaca a de Flako Estévez no papel de Lamas, o narrador principal que evoca a memoria fragmentada dos presos. Inspirado en José Acuña Lamas, secretario do Gobernador Civil de Pontevedra durante a Segunda República, detido polo seu cargo e enviado a San Simón, este personaxe baséase en testemuños familiares recuperados recentemente, como o da bisneta Mar Angosto, quen salienta o silencio xeralizado sobre a experiencia ata a proxección da película. Tal é o traballo de recuperación histórica da obra que o propio Estévez descubriu durante a preparación que o seu tío avó, Antonio Blanco –coñecido como «O Coxo do Bao» e condenado a 20 anos–, estivera recluído na illa. «Foi unha inspiración; era unha historia que eu descoñecía e o meu tío avó compartía unha liña de vida moi fina con Lamas nas vivencias, pois entrou con cadea perpetua e tamén lle condonaron as penas de 20, 12 e 4 anos. Isto levounos a traballar dunha maneira máis persoal co personaxe», compartiu o actor no coloquio, visiblemente emocionado.

Flako Estévez.
Flako Estévez

Algo similar viviu Eduardo Rodríguez Cunha «Tatán», que dá vida a Alberte, un preso antifascista inspirado no seu propio avó, Alberto Marín Alcalde, recluído en San Simón por motivos políticos. O actor detallou a súa experiencia no rodaxe: «Traballar con Miguel Ángel foi un caramelo, porque as circunstancias para ensaiar foron particulares: fixémolo na casa, en Paredes, para estar cómodos e recrear a acción do meu texto. As indicacións foron fundamentais. Este personaxe está inspirado no meu avó Alberto Marín Alcalde, que estivo recluído na illa de San Simón e grazas aos compañeiros escritores alí regresou á súa terra, que o tiña bastante complicado. Entre os asinantes está Machado, que asina unha carta que fai que o meu avó saia da cárcere. Esta mestura entre a inspiración da miña familia e as indicacións de Miguel Ángel foi fundamental; o director ten unha forma de facer tranquila e lenta que axuda a recrear esa vida dos presos na illa».

Eduardo Rodríguez Cunha «Tatán».
Eduardo Rodríguez Cunha «Tatán».

No coloquio, tamén estivo presente Antonio Caeiro, de O Faiado da Memoria, asociación clave na recuperación de arquivos históricos sobre San Simón. Caeiro detallou o seu estreito traballo de documentación co director Miguel Ángel Delgado, facilitando boa parte da información que sustenta o filme, e relatou a súa propia participación como figurante na rodaxe. Unha das escenas que máis impresión lle causou, segundo expresou, é a que protagoniza Tatán, na que o actor indaga na mente dun preso que enfronta a loucura: «Pregúntome como debe ser a realidade dunha persoa nesa situación, e a forma na que está reflectida na película, xunto co traballo do actor, impresiona», eloxiou.

Antonio Caeiro.

Entre as historias reais reflectidas na cinta tamén se atopa a de Dámasco Carrasco, interpretado por Javier Varela –quen non puido asistir ao coloquio–, un empresario republicano e membro do Partido Galeguista condenado a 29 anos de prisión (indultado despois). Carrasco viviu os sete anos completos do campo, encargándose de labores administrativas e mesmo contrabandeando unha cámara para documentar o horror con imaxes furtivas.

A estrea mundial de San Simón na sección Made in Spain do 73.º Festival de San Sebastián, o 25 de setembro de 2025, xerou unha recepción impactante. Tras gañar o premio á mellor película no Festival de Ourense e participar na Mostra de Cine Internacional de São Paulo, a cinta impulsou un eco nacional: Delgado recibiu mensaxes conmovedoras de familiares de presos de toda España, vinculando San Simón aos máis de 300 campos franquistas documentados. A colaboración portuguesa foi máis alá da produción, pois achegou historias e nomes a outros presos nos que se inspira a película. O director explicou: «O personaxe de Bruno está inspirado nunha historia real: unha muller chamada María Regina veu ao casting e interpreta a unha das mulleres que chega na barca inicial. Ela trouxo ademais a historia do seu avó, un portugués que se casara cunha galega chamada Luz Divina e terminou preso na illa. Grazas a ela, descubrimos que era un dos presos que saen na fotografía do libro Aillados (A Fraga, 1995), ao saír da illa. Os portugueses xogaron un papel en Vigo dende comezos do século, como picapedreros no pavimentado das rúas, con conciencia de clase –algúns involucrados nas loitas de Lavadores–. Tamén chegaron á illa. O que relaciona o tempo histórico de ambas ditaduras dalgunha forma, a de Salazar e a de Franco».

Miguel Ángel Delgado.

O rodaxe realizouse na propia illa, con interiores en localizacións como a ETEA en Vigo ou o Convento de Santa Clara en Pontevedra. O rigor histórico esténdese á música, como explicaba Delgado no coloquio: «A música que interpretan os presos do coro baséase na noticia de redención que conta a saída do coro –que, por certo, nas memorias que elaboraban ao final do ano, dicía que o coro de San Simón, con 54 compoñentes, era dos máis importantes das cárceres españolas. A música xogou un papel real na illa; incluso hai partituras escritas alí. A peza que se interpreta no convento é un movemento do Et incarnatus de Bach, cantado por un preso de Ponteareas, Alvino Couñago. Para non saír da illa e ter ese traveling final, pensei en ilustrar un ensaio, e así fixémolo. A música final é unha colaboración con Fernando Buide, compositor novo de Santiago de Compostela: música orixinal escrita para a illa, gravada no órgano de Celanova. Custounos moito chegar a ela –pecharon o mosteiro–, pero ao poñer os micrófonos, atopamos inscricións de presos no propio órgano. Non podemos dar un paso sen atoparnos con esa represión».

Miguel Ángel Delgado.

Ana Fontenla, que interpreta a Sabela, expresou a súa emoción: «É moi emocionante estar aquí hoxe; todos os actos son emocionantes, pero este é especial polo propio entorno. Estou abrumada porque moitas persoas aquí terán moito que dicir. Traballar con Miguel destaca pola súa escoita activa, primordial dende o primeiro momento, incluíndo os castings aquí no Multiusos da Xunqueira. Isto recollese no resultado. Non sei se haberá unha segunda parte, pero despois de tantos anos de silencio, esta película e este achegamento xeran unha nova necesidade: compartir, seguir falando e poñer en valor estas historias fragmentarias. Espero que, a partir de agora, xurdan outros movementos, encontros e manifestos».

Ana Fontenla.
Ana Fontenla.

Pola súa banda, Miguel Borines, que dá vida ao Tenente Rabioso, sinalou a falta de xente nova no coloquio: «Estou moi vencellado á historia da illa dende pequeno e ata agora. Quero cambiar de tema, porque estou contento coa recuperación de memoria, pero descontento coa ausencia da xente nova. Gustaríame que tivesen interese e aprendan, para non repetila».

Miguel Borines.

Andrés Giráldez, no papel de Sayar, agradeceu a oportunidade: «Agradecer a posibilidade de traballar neste proxecto, tan necesario. Destacar a cercanía de Miguel Ángel: traballaba de forma moi visual, e despois de ver a película, entendo perfectamente o que quería; está moi ben reflectido se o comparamos coas súas indicacións na rodaxe. Incidir tamén na necesidade de facer traballos coma este».

Andrés Giráldez.

O coloquio en Redondela pechou cunha homenaxe ás vítimas, en palabras do director e os actores: é importante e necesario que a memoria se conserve e se comparta para que non volvan a suceder as traxedias e crimes do pasado.

San Simón está producida por San Simón la película AIE, Miramemira, Morelli Producciones en coprodución con Bando à Parte (Portugal). Conta coa financiación do ICAA, a subvención da AGADIC; a participación de: RTVE, Televisión de Galicia, RTP, Castilla-la Mancha Media, Deputación de Pontevedra; e coa colaboración da USC Universidade de Santiago de Compostela – HISTAGRA e da Asociación O Faiado da Memoria. Distribúen Baños Films e Linde Films.

Andrés, Tatán e Miguel Borines na estrea de San Simón en Redondela.
Imaxe do coloquio no Auditorio da Xunqueira.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará