O Concello de Soutomaior acollerá os día 7 e 8 de novembro o II Foro sobre a Memoria Histórica cun programa de actividades que terán como fío condutor a represión a través do ensino poñendo o foco nas persoas e nos lugares de memoria. De feito unha das actividades será unha visita guiada pola Illa de San Simón coas explicacións de SoledadChayán
O obxectivo desta propostas é poñer sobre a mesa “a necesidade de recuperar a memoria perdida da guerra e da posguerra, transmitir á sociedade actual e futura o seu pasado recente para poñer en común e debater sobre a necesidade de falar da nosa memoria e das persoas represaliadas”.
Así o explicou a concelleira de cultura e de Memoria Histórica, Silvia Cernadas, na presentación dun programa que ten como fío condutor a represión a través do ensino poñendo o foco nas persoas e nos lugares de memoria.
As actividades propostas inclúen a proxección do filme `El maestro que prometió el mar’ e o coloquio guiado por Pablo Abelleira e Uxía Couto, Responsables da asociación ‘Mocidade galega pola Memoria’ o venres 7 no Multiúsos de Arcade ás 20:00 horas.
A mesa – coloquio ‘As aulas, facer memoria para relatar a historia’ desenvolverase o sábado ás 18:00 horas e contará coa participación do alcalde Manu Lourenzo, a profesora do IES Luís Seoane e autora do libro “Golpistas e verdugos de 1936”, Iria Morgade, a profesora de pedagoxía da Universidade da Coruña, Mariló Candedo, o profesor de Historia e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, Carlos Cimadevila, o profesor tamén de Historia e escritor, José Antonio Pérez e Lucia Santiago, membro de Histagra Grupo de historia agraria e política do mundo rural USC.
A programación inclúe tamén unha visita guiada por Soledad Chayán á Illa de San Simón e San Antón e a representación da peza de teatro ‘As Alumnas’ de Paula Carballeira.
Todas as actividades son de balde ata completar o aforo. A única actividade que precisa inscrición previa é a visita á Illa de San Simón e á de San Antón do 8 de novembro, as inscricións xa están aberta e en liña neste enlace.











