Os populares esixen ao goberno socialista que presente un proxecto estratéxico e innovador ao abeiro da segunda edición do Plan Extra da Deputación de Pontevedra polo máximo importe posible, cifrado en 1,1 millóns de euros. Reclaman á alcaldesa que explique o seu voto en contra deste programa que podería achegar a Redondela investimentos millonarios.
O grupo municipal do PP de Redondela afirma que a alcaldesa rexeitou co seu voto a modificación de crédito no pleno da Deputación que permitirá sufragar o Plan Extra e, por conseguinte, un investimento de máis dun millón de euros en Redondela. Un posicionamento que os populares cualifican de “totalmente irresponsable xa que vai contra os intereses dos veciños de Redondela e só para seguir as consignas do seu partido, polo que queremos saber cal é realmente a súa postura e se vai presentar un proxecto, porque se é coherente co que fixo no pleno da Deputación esperta moitas dúbidas”.
Os populares lembraron que o goberno socialista si que concorreu á anterior edición do Plan Extra coa humanización da Praza da Petanca, pero que supuxo “un novo exemplo de mala xestión pola perda de 430.000 euros”, posto que, do máximo de 1,1 millón de euros, só optaron a 670.000 euros. Con este argumento pídenlle á rexedora que “acuda con máis ambición” a esta nova convocatoria malia o seu voto contrario na Deputación.
Así, o PP de Redondela vai presentar unha iniciativa plenaria na sesión ordinaria do próximo xoves para que a alcaldesa dea as explicacións oportunas sobre a súa intención con respecto á segunda edición do Plan Extra e tamén os motivos do seu voto “contra o interese xeral do Concello”. Neste senso, lembraron que estes posicionamentos políticos de Digna Rivas “non son unha novidade, posto que tamén rexeitou anteriormente os fondos para a necesaria mellora do campo de fútbol de Cesantes noutra actuación absolutamente bochornosa porque é unha obra perentoria, pero ela preferíu seguir o manual de confrontación do PSOE Provincial”.









