O Concello de Redondela prepara para o 31 de outubro un amplo programa de actividades para todos os públicos con obradoiros de cabazas, maquillaxes terroríficas, túnel do terror no paseo do Pexegueiro e o espectacular pasarrúas “Errantes” de Troula Animación e unha queimada na praza do Concello ás 20:30 horas. Todas as actividades son de balde.
Redondela celebra o venres 31 de outubro, véspera de Defuntos, a festa do Samaín cun programa pensado para todos os públicos con actividades nos Multiúsos de Chapela e Redondela, o paseo do Pexegueiro e as rúas do centro da vila.
A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, foron as encargadas de presentar a programación que inclúe dous obradoiros pensados para a rapazada: “Fai a túa cabaza” e “Maquillaxe e tatuaxes de terror” que se desenvolverán nos Multiúsos de 17:00 a 20:00 horas. Por outra banda, o paseo do río Pexegueiro transformarase nun Túnel do Terror desde as 18.30 até as 21.30 horas. Ao longo do percorrido haberá sorpresas con personaxes e criaturas misteriosas. Pérez Táboas advirte que se trata dunha experiencia “intensa” dirixida a público a partir dos 12 anos ou menores compañados dun adulto. Aconséllase acudir cunha lanterna.
As rúas do centro da vila transformaranse nun gran escenario para acoller o espectáculo itinerante “Errantes”, de Troula Animación. Orcos, trolls e bestas saídos da máis profunda escuridade dos tempos desfilarán pola vila transportando nunha gaiola o “Orlok” . A pirotecnia, os fachos e o fume, xunto coa percusión do pasarrúas, farán vivir ao público sensacións “terroríficas”. A asombrosa comitiva partirá da Praza de Ribadavia ás 19:30 horas. Como novidade, este ano a festa rematará co rito ancestral de queimada “Belenus”. Será na Praza do Concello ás 20:30 horas.










