A Asociación Amigos do Carballo das Cen Pólas e a Sociedade cultural de Reboreda organizan os días 24 e 25 de outubro actividades centradas na figura do político, escritor e ilustrador Daniel Rodríguez Castelao no ano no que se conmemora o 75 aniversario do seu pasamento. Un concerto e unha visita ao Museo de Pontevedra centran esta programación de balde. Inscricións no teléfono 661 156127.
Conmemorar o 75 aniversario do falecemento dunha das figuras máis relevantes da cultura galega e dar a coñecer a súa obra entre a veciñanza son os obxectivos principais deste programa que se desenvolverá os días 24 e 25 de outubro.
A primeira das actividades será o venres 24 cun concerto ás 20:00 horas na Sociedade Cultural de Reboreda. Francisco Castro repasará o mellor da poesía galega musicada dende os anos sesenta ata os nosos días con poemas de Álvaro Cunqueiro, Manuel Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Manuel María, Uxío Novoneyra e, como non, tamén de Castealo.
O sábado 25 a proposta é unha saída para visitar a exposición do Museo de Pontevedra centrada na figura de Castelao, artista intimamente ligado a este museo xa que foi un dos seus fundadores nel custódiase unha parte fundamental do seu traballo artístico con arredor de 1.800 pezas, unha selección das mesmas exponse en dúas salas no edificio que leva o seu nome.










