Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela renova a sinalización viaria coa inclusión de códigos QR con información da toponimia

sinalización

En total son 33 as novas placas que inclúen esta nova sinalización das rúas cun código QR que permite acceder, a través do móbil, a páxina web Toponimia de Redondela na que se achegan datos sobre o significado e a orixe dos nomes das rúas e lugares. Esta iniciativa conta co apoio da RAG e converte ao Concello de Redondela no primeiro municipio en ofrecer este servizo.

A iniciativa ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio inmaterial dando a coñecer o nome das rúas, barrios e lugares. Neste sentido, Redondela é o primeiro Concello en incluír a toponimia como ben patrimonial no seu Plan Xeral de Ordenación Municipal, feito que foi recoñecido e eloxiado pola Real Academia Galega na visita que este ano fixo á vila o presidente da entidade, Víctor Freixanes.

As primeiras rúas en contar coa nova sinalización son Camiño dos Eidos no barrio de Catepeixe en Cesantes, Estrobo en Chapela, Carambola en Reboreda, rúa Alta en Asnelle de Arriba, Estrada Morta, Camiño da Lameira ou Camiño Real de Angorén en Chapela. En total son 33 as que están xa preparadas para seren colocadas en diferentes puntos tanto nos cascos urbanos de Redondela e Chapela como nas parroquias e que se irán incorporándose ao rueiro municipal paulatinamente, segundo informou o concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar.

Estas novas placas inclúen un código QR que permite acceder a páxina web Toponimia de Redondela creada dende o Servizo de Normalización Lingüística e na que se recolle a orixe e significado de máis de 2.000 microtopónimos. Así, veciños e visitantes poden consultar o que significa o nome de cada lugar. Para a alcaldesa e responsable deste departamento, Digna Rivas “este é un xeito de dar visibilidade ao traballo de recuperación da toponimia e achegarnos a esta riqueza patrimonial que debemos conservar”.

A páxina da Toponimia de Redondela permite tamén a descarga dos libros de microtoponimia realizados polo Concello de Redondela. Desde o Servizo de Normalización Lingüística promovéronse traballos de campo, estudos filolóxicos e a edición de libros da microtoponimia das parroquias.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará