A Biblioteca Xela Arias celebra o vindeiro 24 de outubro, data na que se conmemora o Día das Bibliotecas, o seu vinte aniversario. Unha celebración que contará coa música do grupo Os Carunchos quen presentará o seu libro-disco homenaxe ao poeta Manuel María: “Unha gorxa chea de paxaros”. Será ás 20:00 horas no auditorio do Piñeiral do Crego con entrada de balde.
Unha xornada moi especial epnsada tamén para os 2.500 usuarios e usuarias cos que conta a Biblioteca de Chapela e da que nos falaba a súa responsable, Mª José Villar
Nestes vinte anos de traxectoria, o número de usuarios e usuarias da biblioteca foi medrando e as actividades diversificándose coa realización de programas de promoción da lectura, presentación de libros, contactos, actividades artísticas e colaboracións cos centros de ensino da parroquia, asociacións e colectivos.
Outras propostas que completan o seu día a día son o Club de Lectura de adultos e este ano como novidade púxose en marcha un Club infantil de Arte. A biblioteca desenvolve tamén actividades onde o protagonismo é da veciñanza. Ciclos como “Aquí si hai quen escriba”, para dar a coñecer a creación artística das persoas usuarias; “Contos da veciñanza”, para que familias da contorna se animen a facer de contacontos para a rapazada, ou o “Reto RadioLector”, con recomendacións de lecturas na Radio Municipal de Redondela, son algúns exemplos.









