Foto do equipo sénior masculino do CBR
O Club de Baloncesto Redondela (CBR) iniciou unha nova etapa deportiva coa estrea do seu equipo sénior masculino na Terceira División galega, un fito que chega tras anos de esforzos por recuperar a presenza do club na competición federada. Aínda que o primeiro partido oficial, disputado o pasado fin de semana no Pavillón do IES Mendiño contra o CB Porto de Vigo, rematou cunha derrota para os locais, a directiva e os afeccionados interprétano non como un revés, senón como o arranque prometedor dun proxecto cargado de potencial.
O equipo, formado por unha plantilla renovada con moitos xogadores locais e retornos de antigas promesas do club, enfrontouse a un rival esixente: os vigueses, campións da liga pasada. “O primeiro partido perdérono e tocoulles comezar forte”, explica Paula Fernández, presidenta do CBR, quen resalta a ilusión colectiva. “Esta tempada representa a ilusión dun novo proxecto. Levamos anos traballando para recuperar o noso primeiro equipo, e agora, cunha plantilla nova, estamos listos para competir”. O foco non está só nos resultados, senón no crecemento integral: deportivo, persoal e social.
O calendario que lles agarda é ambicioso, con derbis comarcais que avivarán a rivalidade e desprazamentos clave para afianzar a súa posición na táboa. Fernández subliña que esta estrea é só o principio: “Temos ilusión de que compitan. Moitos volveron, xente que tiñamos no club en categorías inferiores volveron xogar e iso é a nosa máxima ilusión, que a xente que xogou se anote aos equipos sénior en que categoría están nestes momentos federados”.
O CBR evolucionou notablemente nos últimos anos. Hoxe conta con 14 equipos que abarcan todas as idades, desde os máis pequenos en categoría baby ata formacións específicas como o equipo feminino composto por 22 nais de xogadores, creado o 8 de marzo de 2023 con motivo do Día da Muller. As categorías inferiores son un piar fundamental: “Este ano temos desde babies, que son os pequeñiños de todo. Ese é mixto, preminis e minis, que son os máis pequenos de canasta pequena, e despois temos infantís, cadetes, júnior e sénior masculino. De momento non temos equipo sénior feminino, pero hai interese en Redondela para facelo. Esperamos que as nosas rapazass cheguen a esa categoría; é a nosa ilusión. Levamos traballando desde a base moitos anos; o próximo ano as xuvenís subirían de categoría e o sénior estaría conformado íntegramente por xogadoras da casa e formadas no club “, detalla a presidenta.
Nesta liña, as inscricións aumentaron respecto ao pasado, con máis nenos e nenas sumándose, aínda que precisan, por exemplo, máis xogadores minis para poder repartilos de forma máis equitativa e formar máis equipos. O equipo técnico tamén se fortaleceu para esta tempada. “Como adestradores, este ano reincorporáronse dous: un rapaz e unha rapaza, Irea e Iván, que son de Redondela, antigos xogadores nosos que se foron porque xa non tiñamos máis categoría, pero agora están como adestradores do club. En todas as categorías temos dous adestradores como mínimo, de aí para arriba”, comenta Fernández. Cos máis pequenos, o enfoque é lúdico e dinámico: “Cos máis cativos facemos moita técnica individual a base de xogos para que non se aborrezan: bote, pases, tiro… Case sempre con xogos para que estean entretidos. Os obxectivos son realistas e prioritarios: “O primeiro é que non se lesione ningún xogador, iso é o máis importante. E despois que aprendan e o pasen ben”.
Coa tempada en marcha, o CBR mantén as inscricións abertas durante todo outubro para todas as idades, cun énfase especial en captar nenos e nenas sen experiencia previa. Buscan “rapaces e rapazas con capacidade para xogar en equipo, ganas de pasalo ben e, sobre todo, ganas de facer amizades”. Como proclama Paula Fernández: “Non importa se nunca tocaches un balón; aquí todos comezamos de cero. Ofrecemos a oportunidade de xogar no CBR, con crecemento constante, grandes experiencias e un ambiente familiar”.
Para inscribirse, pódese contactar por correo electrónico a tdeportivocbr@gmail.com ou por WhatsApp ao 722 61 72 12. Ademais, as portas do Pavillón Mendiño están abertas os martes, mércores e venres, de 16 a 17 horas, para que as familias se acheguen e coñezan o club de cerca.










