A Deputación investirá preto de 1’7 millóns de euros co obxecto de mellorar a iluminación monumental e paisaxística do Castelo.
A Deputación de Pontevedra comeza as obras de mellora dos castelos de Soutomaior e Sobroso, cun investimento de máis de 1,9 millóns de euros en ámbolos dous recintos. Con estes recursos, o organismo provincial mellorará a envolvente do castelo de Sobroso para solucionar as filtracións de auga e levará a cabo unha actuación de iluminación monumental e paisaxística no de Soutomaior. E para poder acometer as actuacións, será necesario pechar as portas dos castelos ata a primavera do 2026.
En Soutomaior a actuación ascende a preto de 1,7 millóns de euros, financiados con recursos do programa de mellora da competitividade e da dinamización do patrimonio histórico con uso turístico da Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio de Industria. Está previsto que a obra se estenda ata a primavera do 2026 e que mellore tanto a instalación eléctrica como a iluminación monumental do conxunto do edificio. A actuación inclúe a reforma do centro de transformación, instalación dun grupo electróxeno, novas canalizacións, subministración e instalación de cadros secundarios, así como desmantelamento da instalación do alumeado exterior e, finalmente, porase en marcha a instalación e o sistema de control e programación do alumeado.









