A retención dos barcos da Flotilla que se dirixían a Gaza con apoio humanitario provocou un movemento global de protestas que se viviu en numerosas cidades de toda España, de toda Galicia e tamén en Redondela, onde unhas trescentas persoas se congregaron ás portas do Concello para berrar unha vez máis “Palestina vencerá”.
A abordaxe dos militares israelís aos barcos da Flotilla que buscaban abrir un corredor humanitario provocou unha onda de indignación que se traduciu en todas esas mobilizacións. Pola mañá os protagonistas foron os estudantes e, pola tarde, as manifestacións e concentracións espalláronse por vinte localidades de todo o pais, entre elas Redondela.
No manifesto amosouse a solidariedade galega coa poboación palestina e de apoio aos membros da flotilla “cuxos barcos van cargados de humanidade” esixindo que se paren as atrocidades sobre a poboación palestina e que se xulguen aos responsables por crimes contra a humanidade así como que se permita a chegada de axuda humanitaria a Gaza”.
Houbo ademais unha acción simbólica que deixou ducias de barcos de papel ás portas da casa consistorial como un xesto de apoio as persoas agora retidas en Israel para as que se reclama o máximo respecto por parte do exército israelí a súa inmediata posta en liberdade.










