As protestas que se veñen realizando dende hai dous anos ás portas do concello en apoio do pobo palestino e contra o xenocidio sionista perpetrado en Gaza, repetiranse este xoves de xeito puntual para denunciar o acto de piratería do estado de Israel que nas últimas horas interceptou varios dos barcos que se traslada a Palestina con axuda humanitaria. A protesta, baixo o lema “Na flotilla navegamos todas” terá lugar hoxe xoves ás 20:00 horas.
O ataque de Israel á Flotilla que leva axuda humanitaria a Gaza e a retención ilegal de activistas, entre elas a galega Sandra Garrido, constitúe unha vulneración grave do dereito internacional. Para denunciar esta situación vinte localidades de toda Galicia, entre elas Redondela, mobilízanse ás 20:00 horas de hoxe para reclamar a inmediata posta en liberdade das persoas detidas e esixir unha vez máis o respecto aos dereitos humanos, o levantamento do bloqueo a Gaza e a protección da misión solidaria.
A interceptación israelí dos barcos da Flotilla non só espertou reaccións nos gobernos senón que organizacións civís tamén convocaron protestas en varias cidades ao redor do mundo para apoiar a viaxe que continúa. Son agora un total de 23 barcos da Global Flotilla Sumud as que proseguen esa viaxe cara a Gaza.










