Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG reclama unha vivenda para vítimas de violencia de xénero en Redondela

o16

A concelleira nacionalista Jessica García alerta que en Redondela as mulleres vítimas de violencia machista que se ven obrigadas a abandonar os seus fogares, en moitas ocasións acompañadas dos seus fillos e fillas “non contan cunha vivenda de acollemento á que acudir”. Ante esta situación instan ao goberno municipal a que, na maior brevidade de tempo, xestione este recurso prioritario para dar servizo ás mulleres obrigadas a saír das súas casas para fuxir do maltrato.

A concelleira nacionalista faise eco das necesidades detectadas no servizo Vioxen de atención a mulleres maltratadas do concello de Redondela. Asegura que non se están atendendo todas as necesidades das vítimas unha vez que inician o proceso de denuncia. Na maioría dos casos vense obrigadas a abandonar a vivenda xunto aos seus fillos e fillas sen dispor dunha alternativa en condicións.

Afirma a concelleira do BNG que tanto a alcaldesa Digna Rivas como a concelleira de igualdade Iria Vilaboa coñecedoras desta grave situación “non se preocuparon por buscar unha solución” polo que empraza ao goberno municipal a comprometerse e resolver “esta grave situación que afecta a un número importante de veciñas de Redondela”.

Describe a concelleira do BNG, como algunhas mulleres cos seus fillos ou fillas menores, teñen que afrontar situacións extremas, ao ter que pasar varias noites e días fóra da casa sen apoio de ningún tipo. Todo o proceso de declaración ante o xuíz ou xuíza implica cambiar hábitos de vida dun xeito radical. En moitos casos, os pequenos e pequenas sofren igualmente a situación de desprotección. Entende prioritario que o goberno municipal xestione unha vivenda para a atención en condicións dignas das mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

Jéssica García lembra que a día de hoxe preto de corenta mulleres que na actualidade contan co apoio dende a policía local a través do sistema Vioxén e lembran que hai tan só unha axente da policía local que desenvolve ese primeiro contacto con aquelas mulleres que queren dar o paso para denunciar ás súas parellas por violencia de xénero. Recorda a concelleira do BNG que nunha negociación co goberno de Redondela formularon a dotación dunha segunda policía local para o servizo Vioxén e “o non foi a resposta”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará