Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Negros presume de mazás

festa mazá horizontal

A parroquia de Santo Estevo de Negros celebra esta fin de semana, os días 4 e 5 de outubro, a súa festa máis senlleira: a XXVIII edición da Festa da Mazá. Unha cita gastronómica na que colaboran máis de trinta veciños e veciñas que se encargan de recoller o froito polas maceiras da parroquia, elaborar a sidra e preparar os pratos que servirán no recinto da festa. O grupo de títeres Tanxarina será o encargado de ler o pregón nunha celebración que confía en reunir máis de 3.000 persoas.

A Asociación de veciños traballa arreo para que todo estea preparado para recibir a eses comensais que se achegarán a parroquia a degustar uns pratos variados onde hai un ingrediente común: a mazá da parroquia.

Logo de estrearse ao fronte da organización o ano pasado, Antonio Figueroa e Alfonso Amoedo, agradecen a colaboración veciñal “máis de 30 persoas que participan do evento e que fan posible que a festa sexa unha realidade”. O primeiro paso foi recoller os 3.500 kilos de mazás doadas pola veciñanza.

Estímase que se elaborarán ata 1.500 litros de sidra que se despachará nos dous días de festa, tanto para levar como para consumir na propia carpa.

A tradicional oferta gastronómica este ano recupera a costela con mazá que se suma a outros pratos xa tradicionais como bacallau con mazá, brochetas con peituga de polo con mazá, empanadas de lombo ou de bacallau con mazá e chourizo á sidra. Un menú no que o prato estrela é a tarrina de bacallau on mazá “que é o primeiro que se vende”.

A festa arranca na tarde do sábado a partir das 19:00 horas e actuación do grupo Pa Ti Na Má. O día grande será o domingo con apertura da taquilla ás 11:00, actuacións do grupo Terra Meiga do Viso e da Xingros Big Band. O pregón correrá a cargo de Tanxarina e animación musical coa charanga Sacacorchos e o grupo Tres.com

Doazón de maceiras

Un dos proxectos da directiva contempla agasallar maceiras entre a veciñanza para que se incremente a produción de mazás. A idea é que se aumente o número de maceiras na parroquias e que a cambio os veciños se comprometan a doar parte da produción.

Sidra, gastronomía e cultura é o que nos propoñen dende a Asociación de Veciños de Negros que se encargan da organización desta cita que naceu no ano 1995 e que foi collendo pulo pola calidade dos seus produtos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará