Os tiradores do club deportivo reclaman ante a corporación que se restableza de inmediato o uso do pavillón de Porto Cabeiro, instalación nas que adestraban ata que hai un par de semanas se lles comunicou por parte do Concello a imposibilidade de seguir empregando ese espazo. Os deportistas amosaron tamén o seu malestar polo medio elixido para comunicarlles esta decisión: a través dunha mensaxe de wassap e solicitan explicacións aos responsables municipais sobre os motivos que estarían detrás desta modificación.
O Club Meigarco levou as súas demandas e queixas ao pleno de setembro. O seu voceiro trasladou a corporación o malestar dos deportistas logo de que o Concello lles cancelara o uso do Pavillón de Porto Cabeiro dándolles como alternativa o pavillón do Instituto de Chapela que aseguran “non cumpre as necesidades mínimas para a realización dos seus adestramentos”.
Aseguran non coñecer os motivos que hai detrás desta decisión polo que reclaman que se lles dea unha explicación que avale este cambio
Insisten en que para continuar cunha actividade “que leva o nome de Redondela por todo o mundo, grazas aos éxitos dos tiradores con arco do Club” precisan dunhas instalacións axeitadas para poder realizar os seus adestramentos, incrementar o número de deportistas ou organizar competicións de sala.
Pecharon a súa intervención reclamando que se lle devolva “de inmediato” a concesión que lles permitía usar o pavillón de Porto Cabeiro os luns de 19:00 a 22:00 horas e os mércores de oito a peche do propio pavillón.
Ante a falta de instalacións, o Club suspendeu as actividades que tiñan previstas e que inclúen cursos de iniciación ao tiro con arco ou cursos en colaboración coa Asociación contra o Cáncer.









