Foto de Xeili Fervenza.
O CD Choco sumou tres puntos vitais na súa cuarta xornada da liga Preferente ao golear por 4-1 ao Cultural Areas no seu campo, nunha vitoria que supón un sopro de aire fresco para o conxunto local despois de tres derrotas consecutivas fronte ao Club Lemos, CD Valladares e CD Moaña. Este triunfo, que abre unha nova oportunidade para consolidarse na táboa, deixa aos do Choco coa mirada posta na próxima cita: unha visita ao Umia CF.
Tras un inicio de competición marcado pola irregularidade o equipo dirixido por Alberto Rabadán mostrou un cambio de dinámica ante un rival de peso. O Cultural Areas, considerado un dos mellores conxuntos da categoría, non puido conter o ímpeto local, que saiu “enchufado con ganas” e aproveitou as situacións de partido para construír un marcador amplo.
“Foi un partido que seguimos coa dinámica que tiñamos as últimas semanas. Si son catro xornadas, pero a competición estaba sendo moi inxusta connos, porque o mérito no campo era moito máis grande do que o resultado reflexaba. E para quen vira os partidos, esta vitoria ampla non lles parece sorprendente: fomos moi superiores e é un paso máis e seguir crecendo. Quedan moitas xornadas, estamos facendo cousas ben e, de feito, a clasificación así o dicía. Este optimismo nos vai vir de marabilla”, explicou o adestrador Alberto Rabadán, visiblemente satisfeito co desenvolvemento do encontro.
Rabadán non ocultou, con todo, os aspectos a mellorar no seu equipo, composto maioritariamente por xogadores novos que están a pagar a factura da inexperiencia. “Xeramos de media 6-8 ocasións de gol que non executas e faltanos precisión. O fútbol é así, o deporte castiga a falta de experiencia. Os xogadores que son moi novos que temos estamos pagando un pouquiño esa inexperiencia. Xerabamos moitas ocasións de gol, pero temos que traballar a precisión e a defensa, falta de contundencia defensiva. Hai que seguir esta liña e traballar estas cousas. Fallamos un penalti de feito e onte puido ser aínda máis ampla a vitoria”, engadiu o técnico, referíndose áquela “inxustiza” que non culpa aos rivais, senón á propia natureza imprevisible do deporte.
O adestrador tamén subliñou o valor deste resultado fronte a un oponente de calidade. “E penso que se melloramos o que acabo de comentar, estes resultados vanse dar máis a miúdo. 4-1 é pouco habitual, e o Cultural Areas é un dos mellores equipos da categoría e nós saímos enchufados con ganas e se deron situacións de partido que aproveitamos. Para min, o Cultural Areas pode estar máis arriba ca nós, pero este resultado reflicte que podemos e a idea é facer fronte a calquera rival sexa o que sexa. Agora non vexo máis alá do partido próximo, que é contra o Umia, e hai que ir partido a partido. Pero ogallá fagamos 3 ou catro vitorias seguidas. Aínda así, ir ao campo do rival sempre é máis complicado”, concluiu Rabadán, mantendo os pés na terra ante o calendario esixente que lle espera ao seu equipo.
Outros partidos da liga
- Primeira Galicia Cordeiro CF – CD Arcade (0-0): O Arcade regresou da súa viaxe ao Campo de Baño cun valioso empate a cero goles, que lles permite manter un balance positivo na competición: un empate (este o segundo), unha vitoria e unha derrota en catro xornadas, cifras que os sitúan nunha posición cómoda. A vindeira semana, no seu feudo, recibirán ao CD Unión, nun duelo que podería afianzar a súa traxectoria ascendente.
- Segunda Galicia Xuv. Sanxenxo – CD Soutomaior ( 1-2): Non foi o mellor día para o Soutomaior, cunha derrota por 1-2 na visita ao Xuv. Sanxenxo, aínda que o equipo mantén un ton optimista tras tres xornadas con dous empates e unha vitoria. De volta á casa, enfrontaranse ao Cerponzons CF, cunha oportunidade para sumar e seguir crecendo.
- Terceira Galicia Descanso Sampayo –Chapela CF (2-2): o Chapela sacou un empate a dous goles na complicada visita ao Descanso Sampayo, un resultado que reforza o seu bo comezo con dúas vitorias e un empate en tres xornadas; agora preparan a recepción ao CF San Esteban para buscar tres puntos máis.
- Terceira Galicia Atlético de Villar – Atlético Huracán de Zamans (1-0) : O Villar celebraba unha vitoria na casa fronte ao Atlético Huracán de Zamans, grazas ao gol de Pablo Veiga no Campo de San Martín, un triunfo que lles dá ánimos para a saída ao Cabral FC e reforza a súa posición na táboa, pois xa levan dúas vitorias.
- Terceira Galicia Barro CF – CD Cesantes (0-1): O Cesantes segue imparable e impúxose por 0-1 ao Barro CF, con gol de David Álvarez –que acumula xa once tantos en tres partidos (todos os seus!)–, situados en segunda posición xeral con dúas vitorias e un empate; na vindeira xornada, recibirán ao EF Cobres, cunha racha que os converte nos heroes da categoría.









