Representantes turísticos locais e expertos do sector abordarán este sábado 27 de setembro no Multiúsos de Arcade os efectos do turismo e a potente repercusión do Camiño de Santiago para a economía local. Con máis de 200.000 persoas cruzando ou facendo parada no municipio, a Concelleira de Turismo, Silvia Cernadas salientaba a necesidade de reflexionar sobre o turismo e o seu desenvolvemento sostible.
“Lendas, contos e cantos” é o nome da tertulia que reunirá o sábado ás 19.30 horas a diferentes expertos no camiño de Santiago e representantes turísticos locais.
A antropóloga Lidia Mariño será a encargada de facer un percorrido por algúns dos seres míticos e lendas máis importantes do Camiño de Santiago: a Raíña Lupa, a Santa Compaña, o Santo Graal… Estas lendas revelarán a existencia doutro Camiño, moito máis antigo, baseado en ideas espirituais vinculadas co ciclo do sol. Outro dos participantes será un experto e referente cando se fala do Camiño de Santiago: o investigador, escritor, hospitaleiro e peregrino, José Antonio de la Riera; que achegará o pasado, presente e futuro do Camiño de Santiago.
Co propósito de dar voz aos axentes económicos de Soutomaior, dúas empresarias da localidade falarán sobre a súa experiencia con negocios vinculados ao Camiño de Santiago. Lisi Martínez do albergue A Filla do Mar coas as súas vivencias nese contacto diario que ten cos peregrinos que recibe no seu establecemento de hostalería situado na entrada do concello. Pola súa banda, Susi Soto falará da fermosa historia de A Mochila da Luz, unha mochila cargada de historias humanas que cada mes de xullo sae do Porto peregrinando a Santiago de Compostela.
O cantautor galego Manoele de Felisa interpretará varias cancións do seu disco Cancioneiro do Camiño para achegarnos con historia e historias, contos e cantos, a realidade do camiño de Santiago.
Coa celebración deste evento o Concello de Soutomaior quere posicionar o Camiño de Santiago como un produto turístico sostible a longo prazo e comunicar as liñas nas que están traballando marcadas por: unha gobernanza eficaz, unha planificación estratéxica centrada nas persoas, unha xestión responsable dos recursos naturais e unha escoita activa dos axentes económicos do Concello.
Cernadas achega datos sobre a relevancia do Camiño que cada ano supón que unhas 200.000 persoas percorran a localidade, ás que hai sumar un número cada vez maior de peregrinos que optan tamén por pernoctar no concello.
A organización da tertulia do sábado dá continuidade a outras accións que se levaron a cabo como por exemplo, as mesas de traballo cos profesionais e empresas do concello celebradas a finais do 2024. Un ano onde tivo lugar o proxecto “Experiencias do camiño de Santiago” onde se puxo en relación ao sector turístico local co fin de sacarlle o maior rendemento posible ao Camiño de Santiago, e nesa relación, e a todo o que se ven traballando no camiño de Santiago, naceu esta actividade.











