Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Pazos de Borbén celebra esta tarde o pleno da cuestión de confianza de Luciano Otero

luciano

A sesión celebrarase ás 19:00 horas deste mércores 24 na Biblioteca de Pazos. O alcalde someterase a unha cuestión de confianza vinculada aos orzamentos. Luciano Otero adoptou esta decisión por entender que é insostible para o concello continuar cuns orzamentos prorrogados dende o 2022 “desfasados e moi afastados da realidade actual” e ante a imposibilidade de chegar a un acordo “cunha oposición instalada no bloqueo permanente”.

A cuestión de confianza debaterase nunha sesión ordinaria na que se abordarán tamén outras cuestións como a proposta de festivos locais para o ano 2026, a aprobación dunha declaración institucional de rexeitamento do xenocidio en Gaza ou as mocións presentadas polos grupos da oposición.

Con todo, o debate principal nesta sesión será a cuestión de confianza que presenta o alcalde co obxecto de aprobar uns orzamentos que permitan “afrontar a suba de custos de salarios e servizos básicos como lixo, electricidade e subministros, dispoñer de recursos para inversións e complementar subvencións así como aumentar as axudas que concede o concello a diversos colectivos”.

O goberno de Alternativa Veciñal que preside Luciano Otero confía en que esta medida sirva “para desbloquear o Concello, garantir o futuro de Pazos de Borbén e poñer por riba de todo o ben común da veciñanza” tras acusar aos grupos da oposición de PP, PSOE e BNG de manter unha postura de “bloqueo sistemático” de todas as iniciativas que formula o goberno local.

A complicada situación de minoría na que goberna o candidato de Alternativa Veciñal por Pazos, Luciano Otero, con tan só catro concelleiros fronte aos seis da oposición (PP:5, PSOE:1, BNG:1), fan difícil que se aprobe a cuestión de confianza. No caso de que Otero non a supere, os grupos da oposición contarán cun mes de prazo para presentar unha moción de censura e un candidato alternativo á alcaldía. Superado ese período e de non chegar a un acordo, o orzamento quedaría automaticamente aprobado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará