O director de series tan populares como Rapa ou Hierro, Jorge Coira é un dos participantes na segunda quenda desta iniciativa que promove a escrita de obras en galego. O director xeral de Cultura Anxo M. Lorenzo recibía este martes aos creadores que ata o vindeiro 6 de outubro poderán traballar nos seus proxectos “nunha contorna natural e cultural”
A Residencia Literaria Illa de San Simón, que celebra este ano a súa terceira edición, é unha iniciativa que promove a creación literaria en galego mediante unha estadía de ata dúas semanas na que os participantes poden desenvolver o seu talento e traballar nos seus proxectos en galego.
No marco deste encontro, o representante da Xunta deu a benvida a Carlos Labraña, Jorge Coira, Araceli Gonda, Francisco Javier Fernández, Francisco Valeiras, Carlos Lixó, Nuria Díaz, Alba Tomé, Eire García, Sara Villar e Daniel Gutiérrez, que ata o vindeiro 6 de outubro poderán traballar nos seus proxectos ao abeiro dunha “proposta que nesta terceira edición segue a consolidarse como unha das accións deste tipo máis valoradas”.
Anxo Lorenzo puxo en valor a ampla variedade de xéneros literarios elixidos polos creadores que van desde a novela aos guións cinematográficos nunha residencia na que participan un total de 24 persoas en tres quendas.









