A Concelleira de Cultura, Rita Pérez afirma que o Concello encargou un estudo técnico para valorar o estado de conservación das pezas industriais que alberga o Meirande así como para “determinar un tratamento axeitado para evitar a corrosión”. Alén Nós advertira recentemente do estado de deterioro que presentan algunhas pezas alí expostas. O estudo encargado polo concello busca garantir o bo estado dun espazo que recibe “máis de 1.500 visitantes ao mes”.
Desde o pasado mes de abril e ata a semana pasada un total de 8.528 persoas visitaron o Centro de Interpretación da Batalla de Rande, o Meirande. O mes con maior número de afluencia foi xuño, con 2.812 persoas, e maio (1.716) onde as visitas de centros escolares son numerosas. Tanto no mes de xullo como en agosto superáronse os 1.300 visitantes, e no que vai de setembro xa son máis de 500 as persoas que pasaron polas instalacións do Meirande.
Nos meses de verán moitos dos visitantes son turistas e peregrinos, pero tamén familias de municipios da contorno como Vigo, Pontevedra ou a zona do Morrazo. Ademais son habituais ao longo de todo o ano as visitas de colectivos veciñais e culturais, excursións organizadas por centros de día, e as visitas de persoas que fan a viaxe en barco á illa de San Simón desde o pantalán do Meirande.
A concelleira responsable, Rita Pérez Táboas, explica que os visitantes “valoran moito o entorno no que se atopa o centro, e tamén o xeito en que está distribuída a exposición”. Quen máis desfruta da visita son as crianzas porque hai moitos elementos interactivos que poden tocar, pero tamén os adultos se sorprenden deste espazo.
O museo acolle unha exposición permanente e gratuíta sobre os tesouros arqueolóxicos e culturais da Batalla de Rande de 1702, e tamén dá conta doutros fitos do patrimonio histórico e industrial da zona. O Meirande sitúase no seo dunha antiga fábrica de salgadura de peixe coñecida como “a fábrica do alemán”, de 1836. As instalacións conservan parte da antiga maquinaria da fábrica. Pérez Táboas explica que a conservación destas pezas industriais metálicas é complexa, polo que o Concello encargou un estudo técnico para valorar a súa situación e determinar un tratamento axeitado para evitar a corrosión. A concelleira lamenta as críticas do colectivo Alén Nós e nega a situación de abandono das instalacións. Advirte que, se a asociación se puxese en contacto co Concello, “teriámolos informado das xestións que estamos a realizar para a conservación do patrimonio industrial do Meirande”.









