O PP de Redondela denuncia a sucidade e a existencia de problemas de salubridade nos cascos urbanos pola presenza de ratas e insta ao goberno a axilizar a limpeza. Aseguran que comerciantes e veciños lles trasladaron a súa preocupación pola presenza de grandes roedores na rúa e instan ao goberno a mellorar a retirada dos residuos.
Os populares lamentan que as rúas de Redondela e Chapela estean en malas condicións “ofrecendo unha pésima imaxe pola excesiva sucidade que se acumula nas mesmas” e alertan de posibles problemas de saúde pública pola presenza de grandes roedores. Achacan esta situación á “deficiente actuación” do executivo municipal tanto no ámbito da limpeza como na retirada axeitada dos residuos.
O PP considera que estes feitos, que están a espertar fortes queixas veciñais que lles foron trasladadas aos edís populares por varias comerciantes e que comprobaron in situ, son “de bastante gravidade” porque toda está dinámica derivada da existencia de lixo e sucidade pode xerar posibles focos de infección.
O concelleiro Miguel Álvarez, encargado do PP para temas medioambientais, esixiu á alcaldesa Digna Rivas e tamén aos tres concelleiros de Medio Ambiente, de Sostibilidade e de Parques e Xardíns que revertan de inmediato o deficiente funcionamento actual dos servizos de limpeza e recollida de lixo “xa que non é de recibo que veciños e comerciantes se atopen con ratas de gran tamaño polas rúas das nosas vilas a plena luz do día”.









