A 600 días das eleccións municipais os populares están xa en modo electoral. Así o amosaron coa celebración dun “tardeo de verán” que reuniu máis de 200 persoas no Pazo de Petán e no que o voceiro do PP Javier Bas avogou por recuperar a alcaldía en maio de 2027 cun “proxecto de rexeneración e esperanza para o futuro de Redondela”
Un acto que contou coa presenza do presidente provincial, Luis López; o voceiro parlamentario Alberto Pazos; a secretaria xeral, Susana Cabaleiro; e todos os edís do grupo municipal e no que o presidente local do PP, Javier Bas avogou por un novo goberno que substitúa ao actual “para deixar de perder axudas doutras administracións por ata 5 millóns de euros e de subir os impostos de xeito estratosférico e para facer dunha vez os investimentos que precisan Redondela, Chapela e as parroquias”.
Investimentos que concretou na construción dun auditorio, remodelación do Mercado de Abastos, un pavillón para Chapela, unha escola infantil e a reforma da Avenida de Vigo, promover unhas instalacións de atletismo e un transporte interparroquial para mellorar ás parroquias.
Bas destacou a “ilusión, preparación e capacidade de traballo” do seu equipo e amosouse ilusionado coa posibilidade de obter unha confianza rotunda en forma de maioría absoluta en maio de 2027 “porque Redondela non pode seguir así, non podería seguir nin un día máis, pero lamentablemente teremos que sufrir e padecer aínda 600 días a un goberno que non sabe o que fai e que vai arrastrando os pés”.
O concelleiro popular avogou porque Redondela conte a partires de 2027 cun novo goberno “que ademais non lle sería estrano aos veciños, porque xa tiveron oito anos dun executivo do PP e foi o período máis produtivo e transformador para Redondela”. Bas cre que o novo goberno que substitúa ao actual bipartito dirixido polo PSOE ten que deixar de perder axudas e oportunidades doutras administracións, cifradas en máis de 5 millóns de euros no presente mandato, e de subir os impostos de xeito estratosférico para pagar as débedas do Concello.









