Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A artesanía de LeLate leva un trociño de Galicia a calquera parte do mundo

WhatsApp Image 2025-09-18 at 14.08.55

A artesá Angélica Lage Tellado (Pazos de Borbén) dá vida a xoias únicas a través do seu proxecto LeLate, unha marca que transforma a natureza e as historias persoais en pezas cheas de personalidade. Co seu traballo en resina, Angélica encapsula flores naturais, area da nosa ría ou elementos tan singulares como leite materno, pelos de mascotas ou cordóns umbilicais, creando xoias que contan historias únicas e conectan emocionalmente cos seus clientes.

Lelate naceu en 2020, nun momento persoal especialmente complicado para Angélica. “Despois de moito asesoramento, noites sen durmir e moitas dúbidas, o 8 de outubro de 2020 saíu á luz Lelate. Foi un soño feito realidade que me axudou como medicina, achegándome crecemento persoal, emocional e laboral”, explica a artesá na súa páxina web. Este proxecto non só reflicte a súa paixón pola artesanía, senón tamén a súa vontade de compartir a beleza de Galicia co mundo. “O meu lema é levar un trociño de Galicia a calquera parte do mundo. Encántame saber que hai pendentes meus en Estados Unidos, Amsterdam ou outros lugares. As miñas pezas viaxan, e iso é moi gratificante”, asegura.

As xoias de Lelate destacan pola súa autenticidade e pola conexión que establecen cos clientes. “Non hai dúas pezas iguais. Cada unha ten a súa propia historia, porque están feitas con elementos naturais que eu mesma recollo, seco, prenso e encapsulo en resina. É un proceso laborioso, pero moi satisfactorio”, explica Angélica. Entre os seus deseños, atópanse pezas inspiradas na natureza galega, como a area da nosa ría ou elementos do folclore, como as pandeiretas. “Busco dar a coñecer o bonito de Galicia, a nosa natureza e a nosa cultura”, engade.

O traballo de Angélica vai máis alá da creación de xoias; trátase de construír unha relación íntima e persoal cos seus clientes. “A xente busca algo auténtico, quere coñecer os compoñentes das pezas, as flores que uso e as súas historias. As miñas xoias contan algo por si mesmas, e iso é algo que unha gran empresa non pode ofrecer”, destaca. Esta autenticidade é tamén valorada por peregrinos e turistas, que ven nas súas creacións un recordo único de Galicia, lonxe do concepto de souvenir tradicional. “A tendencia actual vai cara aos regalos orixinais, distintos, cunha historia. En Galicia, isto está en crecemento, e a xente valora esa conexión persoal. Galifornia o vexo máis como un souvenir”, afirma.

Un dos aspectos máis especiais do traballo de Lelate é a creación de xoias por encargo, moitas veces vinculadas a momentos significativos. “Fago pezas para acompañar duelos ou conservar recordos, como pelos de mascotas, leite materno ou cordóns umbilicais. Trátoas con moito respecto, porque son algo moi íntimo. O único que non me atrevo a usar, por respecto, son cinzas”, explica Angélica. Entre estes encargos, o proceso co leite materno é un dos máis complexos. “É un traballo laborioso: hai que conxelar o leite, separar o soro da nata, deshidratalo e preparalo para a resina. O resultado é unha cor perlada moi delicada, e as pezas son sutís e sinxelas”, describe.

Peas feitas con leite materna.

Unha nova colección para o outono

Lelate está presente en varios puntos de venda en Galicia, como Pontevedra, Ourense, Lugo e, en Redondela, na tenda Bradouo, na Praza Figueroa. Ademais, Angélica prepara unha nova colección para este outono, que sairá a principios de outubro. “Será máis colorida que a anterior, mesturando os tons marróns típicos da tempada con detalles de cor que a fagan distinta”, adianta.

“Se tes un soño e crees que podes lograrlo intentao, non te quedes coas ganas”, Angélica.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará