O Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela organizan o venres 3 de outubro na illa de San Simón unha xornada sobre cultural medieval baixo o título “O pergameo iluminado: arte, música e tecnoloxía no estudo do códice medieval”. Esta xornada propón unha inmersión nas múltiples vidas do códice medieval, entendido non só como artefacto bibliográfico, senón como soporte de coñecemento e espazo de innovación visual e sonora. A actividade é totalmente gratuíta pero precisa inscrición previa na páxina do Consello da Cultura. O número de prazas é limitado a 60 persoas.
Especialistas de recoñecido prestixio abordarán o estudo de manuscritos medievais esenciais para a cultura galega —como o Códice Calixtino, o Tombo A, a Crónica troiana ou os códices musicais recentemente redescubertos— desde perspectivas innovadoras que integran a historia da arte, a musicoloxía, as ciencias da conservación e as tecnoloxías dixitais.
As intervencións abordarán desde os pigmentos e técnicas de iluminación ata os sistemas de notación musical, pasando pola circulación de relatos e imaxes na Idade Media e o uso de arquivos fotográficos históricos para a documentación e interpretación dos códices.
A xornada culminará cunha conferencia dedicada aos manuscritos pedagóxicos de música, seguida dun taller práctico de iniciación ao solfexo medieval, baseado no sistema da manus musicalis ou man guidoniana: un método mnemotécnico ideado no século XI para ensinar o canto mediante xestos realizados nas articulacións da man.









