Un total de 11 vivendas terían solicitado o número de rexistro obrigatorio en vigor dende o pasado 1 de xullo pero non o obtiveron por non cumprir os requisitos legais segundo datos da Subdelegación do Goberno. En toda Galicia, o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana notificou 2.640 pisos turísticos ilegais. Os municipios con máis solicitudes desestimadas na provincia son Vigo (227), Sanxenxo (196) e Pontevedra con 111.
As vivendas turísticas ilegais son pisos que solicitaron o número de rexistro obrigatorio dende inicios de xullo pero que non o obtiveron porque non cumpren os requisitos legais. Agora, as distintas plataformas deberán proceder á retirada destes inmobles que se poden estar comercializando en varias a un tempo. O obxectivo do Goberno é que estas vivendas se poidan incorporar ao mercado do aluguer residencial, malia que no caso de Redondela tan só suporía 11 vivendas. Mías importante é a repercusión que esta medida poida ter en concellos como Vigo ou Sanxenxo con 227 e 196 vivendas turísticas ilegais ou mesmo en concellos como Baiona e Nigrán con 95 e 47 pisos turísticos que non cumpren a normativa.
Normativa municipal
Hai tan só dúas semanas o BNG reclamaba ao goberno local abordar de inmediato a regulación das vivendas de uso turístico (VUT), un tema que consideran urxente pola súa incidencia no acceso á vivenda na vila. Os nacionalistas estiman que arredor de 300 pisos e casas en Redondela están destinados ao aluguer turístico o que, segundo denuncian, “retira un número significativo de vivendas do mercado de aluguer tradicional, dificultando o acceso á vivenda para moitos veciños e veciñas”. González cualifica de “irresponsable” a actitude do goberno municipal por ignorar unha proposta presentada hai máis dun ano para elaborar unha normativa básica que regule este mercado e na que se incluían medidas como delimitar os espazos urbanos onde se poderían instalar VUT, os andares permitidos nos edificios e o tempo máximo de uso ao longo do ano.









