Galicia Suroeste promove un ciclo de actividades de iniciación á observación dos ceos nocturnos que chega esta fin de semana a Redondela. A cita será este venres 12 setembro ás 21:45 horas. As persoas interesadas deben inscribirse previamente no enderezo galiciasuroeste.gal.
As actividades, dentro do programa “Os Ceos de Galicia Suroeste” consistirán en saídas nocturnas realizadas por guías turísticas certificadas pola Fundación Starlight, que permitirán ás persoas interesadas descubrir unha nova forma de mirar ao ceo e iniciarse no mundo do astroturismo. Para poder participar, a entidade ten aberta a inscrición na súa web, galiciasuroeste.gal.
O ciclo arrancou a inicios de mes en Mos e este venres día 12 chega a Redondela, o sábado 13 a Fornelos de Montes e o venres 26 ao concello de Soutomaior.
Esta actividade está enmarcada dentro do programa de promoción do destino que anualmente desenvolve Galicia Suroeste, e conta coa financiamento de Turismo de Galicia e Deputación de Pontevedra – Turismo Rías Baixas. O obxectivo é promover o “turismo das estrelas” un novo produto turístico que busca a protección, a conservación e o retorno económico para os territorios.
O punto de encontro para o desenvolvemento da actividade será enviado a cada unha das persoas participantes logo da súa inscrición e aconséllase levar roupa cómoda e de abrigo así como unha esterilla ou manta para sentarse ou tombarse no chan.









