Foto de arquivo da Horta do Cadaval
A Horta do Cadaval, en colaboración co Sindicato Labrego Galego e a Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG), organiza un curso gratuíto sobre o cultivo de flores e plantas aromáticas os días 23, 24 e 25 de setembro, de 17:00 a 19:00 horas, na Estrada do Cadaval, 49, en Reboreda. O obradoiro, que combina teoría e práctica, recomenda levar roupa cómoda para tarefas como cortar e preparar esqueixes, co material proporcionado polos organizadores.
Xacobe, docente do curso e impulsor da Horta do Cadaval, destaca a importancia de promover a diversidade nos cultivos para fortalecer os ecosistemas. “As flores aromáticas son un reclamo, pero o noso obxectivo é que a xente cultive diversidade. Canto máis diverso é un sistema, máis capacidade ten para soportar cambios e ser resiliente”, explica. Segundo Xacobe, as flores non só embellecen os xardíns, facendo que “brillen máis bonitos e luzan máis fermosos”, senón que xogan un papel crucial no equilibrio ecolóxico. “Canto maior é a diversidade de plantas, maior é a diversidade de microbioloxía no chan, o que resulta nun solo máis san. Cada planta trae consigo diferentes microorganismos, e cando se descompón, xera unha microbioloxía máis rica que favorece a saúde das demais plantas”, detalla.
O curso fará fincapé na importancia das flores para atraer polinizadores, esenciais para a produción de froitos. “Os polinizadores son fundamentais; sen eles, a cantidade de froita redúcese significativamente, un dos grandes problemas actuais na agricultura”, sinala Xacobe. Ademais, as flores aromáticas serven de alimento para insectos beneficiosos, especialmente en épocas nas que as súas presas escasean, contribuíndo ao equilibrio natural. “Algúns insectos, cando non teñen presas, aliméntanse de néctar e pole, e as flores ofrécenlles esa oportunidade”, engade.

O obxectivo principal do obradoiro é ensinar como prolongar a floración nas hortas e xardíns ao longo do ano mediante especies que florecen en distintas estacións. “Imos proporcionar unha lista de plantas e explicar como distribuílas para ter flores desde finais do inverno ata o verán. Traballaremos con bulbos como xacintos e tulipáns, propios desta época, e con especies como violas e prímulas, que dan flor a finais do inverno. Tamén veremos plantas perennes, gramíneas e especies silvestres que axudan a atraer fauna”, explica Xacobe.
O curso incluirá unha parte práctica centrada na reprodución de plantas aromáticas a través de esqueixes, así como nocións básicas sobre o funcionamento dos ecosistemas. “Queremos que as persoas entendan catro conceptos fundamentais para deseñar hortas e xardíns que favorezan a biodiversidade. Falaremos da importancia das flores nos ecosistemas, de como reproducilas e de como a súa presenza beneficia aos insectos e, por extensión, ás aves”, subliña Xacobe. Ademais, abordarase estratexias para incrementar a diversidade entomolóxica, destacando o seu impacto positivo no medio ambiente.
Aínda que inicialmente previsto para a primavera, o curso adaptouse ao outono para mostrar como prolongar a floración e preparar as hortas para a próxima tempada. Con esta iniciativa, a Horta do Cadaval busca non só ensinar técnicas de cultivo, senón tamén fomentar unha maior conciencia sobre a importancia de crear espazos diversos e sostibles que beneficien á natureza e ás persoas.










