Lucía Núñez
Lucía Núñez (Redondela), docente de Educación Primaria no CEIP Serra Vincios de Gondomar, comparte a súa experiencia e reflexións sobre os desafíos da volta ao cole, facendo fincapé na crecente problemática das pantallas e propoñendo medidas para mellorar a transición escolar. Con 14 anos de experiencia no ensino, tres deles en Gondomar, onde se trasladou atraída polo proxecto educativo do centro, Lucía destaca a importancia dunha educación activa, baseada en metodoloxías como o traballo cooperativo, as asembleas e os círculos restaurativos, que fomentan a convivencia e o benestar emocional do alumnado.
Volve a dar sexto de primaria este curso e está ilusionada polo inicio do ano escolar, pero recoñece que a volta ao cole presenta retos. “A ilusión por comezar mestúrase coa carga burocrática, que cada ano é maior e resta tempo para preparar as clases“, explica. Ademais, sinala que o longo período de vacacións de verán dificulta a readaptación á rutina, especialmente para os máis pequenos, que necesitan un proceso de transición suave. Para facilitar este proceso, propón estratexias emocionais e dinámicas de cohesión grupal, como asembleas e actividades que reforcen a convivencia e a autonomía.
Un dos principais retos que identifica, tanto para familias como para docentes, é o excesivo uso das pantallas. “Nótase moito cales son os alumnos que pasan moito tempo con pantallas. Mostran menos paciencia, menor capacidade de atención e buscan inmediatez”, advirte Lucía. Este problema, xunto co aumento do bullying a través das redes sociais, converteuse nunha preocupación crecente. No CEIP Serra Vincios, onde xa se prohibían os dispositivos nas aulas antes da normativa oficial, apostan por un control estrito do uso de pantallas, unha medida que considera esencial para contrarrestar os seus efectos negativos.
Para as familias, Lucía destaca dous grandes retos: organizar rutinas para os nenos e asumir os gastos económicos derivados do material escolar e das excursións. Como solución, suxire reducir a dependencia de libros de texto, optando por materiais reutilizables e actividades de lectura, e elixir saídas accesibles para todas as familias. Tamén recomenda estar atentos ás becas dispoñibles. No ámbito doméstico, aconsella preparar o curso con ilusión, escoitar os fillos, axustar horarios de sono, crear espazos tranquilos para estudar e fomentar a autonomía, facendo fincapé no esforzo por riba dos resultados académicos.
Lucía fai un chamamento á colaboración entre familias e escola: “É fundamental que as familias participen nas titorías, informen sobre cambios ou necesidades dos nenos e manteñan unha actitude positiva”. No ámbito pedagóxico, aposta por dinámicas que integren o alumnado, como os círculos restaurativos, que permiten coñecer mellor aos nenos e detectar posibles problemas emocionais. Como exemplo, menciona unha actividade onde pregunta aos alumnos que superpoder elixirían, alertando sobre respostas como “ser invisible”, que poden indicar inseguridades ou conflitos.
En resumo, Lucía Núñez avoga por unha volta ao cole progresiva, cun enfoque na saúde emocional e na redución do uso de pantallas, promovendo unha educación activa e colaborativa que priorice o benestar do alumnado e a implicación das familias. “O futuro é incerto, pero temos que orientar aos nenos para que o impacto das pantallas non empeore”, conclúe.









