A Federación de Anpas de Redondela alzar a voz contra os recortes en recursos educativos que están a afectar aos centros escolares do concello e ao CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén, especialmente no que respecta á atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) e necesidades educativas especiais (NEE). A pesar das múltiples comunicacións enviadas á Consellería de Educación e ao Departamento Territorial de Pontevedra, as familias e o profesorado denuncian que non se atenderon as súas demandas, deixando ao alumnado nunha situación de abandono que compromete o seu desenvolvemento académico e persoal.
Os recortes, segundo a Federación, afectan a múltiples centros, pero son especialmente graves no CEIP Igrexa de Chapela, no CEIP Outeiro das Penas e no CPI Curros Enríquez. No caso do CEIP Igrexa de Chapela, a situación é “inadmisible”. Este centro conta cun elevado número de alumnado con NEAE e NEE, que require unha atención altamente especializada. Porén, os recursos de apoio foron reducidos de 3 profesores de pedagoxía terapéutica (PT) e 1 de audición e linguaxe (AL) a tan só 2,5 PT e 0,5 AL. Esta decisión, sen ter en conta as necesidades reais do centro, que conta con 9 unidades ordinarias e unha aula específica, supón unha presión organizativa insostible e un retroceso en materia de equidade e inclusión.
No CEIP Outeiro das Penas, a proposta de supresión dunha das dúas unidades de 5º de Primaria, a pesar da alta porcentaxe de alumnado con NEAE, incrementará os ratios e reducirá a atención individualizada. Esta medida, xunto co recorte de profesorado de apoio, aumenta o risco de fracaso escolar e exclusión educativa, sobrecargando ao equipo docente e comprometendo a calidade do ensino. A Federación critica que a Consellería incumpre os acordos de redución progresiva de ratios, evidenciando “unha falta de empatía” coas necesidades reais do alumnado.
Pola súa banda, no CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén, a falta dunha coidadora, a redución de profesorado de apoio e a ausencia dun especialista en audición e linguaxe a tempo completo agravan a atención ao alumnado con necesidades específicas, nun contexto de incremento deste tipo de casos. A Federación denuncia que estas decisións contradín os compromisos da Xunta en materia de inclusión e redución de ratios, e acusa á administración de facer unha interpretación “interesada e restritiva” da normativa para o cálculo do alumnado con necesidades especiais.
Ademais, as Anpas lembran que a entrada en vigor do Acordo do 17 de xaneiro de 2024, que reduciu o horario lectivo do profesorado de 25 a 23 horas semanais, non estivo acompañada dun incremento de persoal, o que supuxo unha perda efectiva de entre 2 e 4 docentes por centro. Esta carencia, xunto cos novos recortes, compromete o funcionamento ordinario dos colexios e a calidade da atención ao alumnado.
A Federación de Anpas advirte que estes recortes supoñen un “abandono preocupante” do ensino público e un ataque aos dereitos do alumnado, especialmente do máis vulnerable. “Recortar en educación é recortar no futuro de Galicia”, sentencian, esixindo á Xunta que escoite as demandas da comunidade educativa, dote aos centros dos recursos necesarios e respecte os compromisos de inclusión e equidade. A comunidade educativa de Redondela anuncia que permanecerá “alerta e mobilizada” para garantir un ensino público de calidade, inclusivo e equitativo para todos os nenos e nenas.









