Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP de Redondela critica a xestión do Entroido de Verán por “prexudicar os negocios locais”

entroido-veran-1-rakzbpg2syd6f7xelmmfuj0xt4kxxnwj2e17g1omfc

O grupo municipal do Partido Popular (PP) de Redondela emitiu unha contundente crítica á xestión do goberno local, liderado pola alcaldesa Digna Rivas, na organización do recente Entroido de Verán. Segundo os populares, as modificacións introducidas no formato do evento responden a un modelo “mercantilista” deseñado para maximizar a recadación do Concello a través das poxas das barras, pero cun enfoque que consideran “anti-Redondela”, xa que causou importantes prexuízos aos negocios locais e favoreceu a empresas foráneas.

O PP centrou as súas críticas no novo sistema de adxudicación das barras de bebida e comida, que, segundo afirman, priorizou aos establecementos de hostalería con maior capacidade económica, deixando de lado aos pequenos negocios de Redondela. “Este sistema obriga a facer un investimento inicial elevado para obter unha concesión, o que pon en desvantaxe aos hostaleiros máis modestos. Isto debe ser o que entende o goberno progresista por axudar aos que menos teñen”, ironizaron desde o PP.

Ademais, o novo modelo afectou especialmente aos postos de comida, xa que, mentres as 9 barras de bebida se cubriron na súa totalidade, só se adxudicaron 2 das 6 barras destinadas á venda de alimentos. Segundo os populares, isto débese a que os negocios de comida teñen moita máis dificultade para recuperar o investimento inicial e acadar rendibilidade, o que desincentivou a súa participación.

Outro dos puntos máis controvertidos, segundo o PP, é o favorecemento de empresas de fóra de Redondela, especialmente dunha firma de Vigo que conseguiu a concesión de catro postos. Das 11 barras adxudicadas en total, só 5 foron xestionadas por negocios locais, o que o PP considera unha clara desvantaxe para os hostaleiros de Redondela. “Esta convocatoria foi un fiasco que permitiu a acaparación de postos por parte de grandes empresas, mentres os autónomos e pequenos comerciantes da nosa vila quedaron relegados”, lamentaron.

A xestión posterior ao evento tamén foi obxecto de críticas. O PP sinalou que a limpeza da zona tras o Entroido de Verán foi insuficiente e máis lenta que en edicións anteriores. Case dúas semanas despois da celebración, a Alameda de Redondela segue presentando cristais e outros restos, o que supón un risco para os usuarios, especialmente para nenos e mascotas. Ademais, comunidades de veciños denunciaron ter que asumir gastos extraordinarios para limpar garaxes e entradas debido á sucidade acumulada, os cheiros a ouriños e os danos en elementos das súas propiedades.

Para o PP, estas decisións reflicten unha estratexia do goberno local para paliar a “preocupante situación económica” do Concello, pero a costa dos autónomos e do comercio local, xa afectados por medidas como a recente suba da taxa do lixo impulsada polo PSOE. “Entendemos que o Concello busque ingresos, pero non podemos aceptar que se faga prexudicando aos negocios de Redondela, que son o motor económico da nosa vila”, afirmaron. Por iso, instan ao goberno de Digna Rivas a abandonar este modelo e regresar ao sistema tradicional de organización do Entroido de Verán, que consideran máis equitativo e beneficioso para os hostaleiros locais.

O PP concluíu esixindo ao goberno local que rectifique e volva ao formato anterior, que, segundo defenden, fomentaba unha maior participación dos negocios de Redondela e garantían un equilibrio entre os intereses económicos do Concello e o benestar do comercio local. “O Entroido de Verán debe ser unha festa para todos, non unha oportunidade para que o Concello recade a expensas dos nosos autónomos e comerciantes”, remataron.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará