O Pazo de Petán en Redondela acolleu o primeiro faladoiro da terceira edición do programa “Aquí Faltan Páxinas”, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra que pon en valor as historias de mulleres que deixaron pegada na provincia. Neste primeiro episodio, as verdadeiras estrelas foron as alfombreiras, mulleres que, co seu labor artesanal, manteñen viva unha tradición secular como é a creación de alfombras florais, auténticas obras de arte efémeras que engalanan as rúas de numerosos concellos.
O acto contou coa participación de María Carrera (Ponteareas), Loli do Campo (Bueu), Tere Pereira (Gondomar) e as anfitrioas Susana Ricón e Mayka Cabaleiro (Redondela), quen, moderadas por Marián Fernández, compartiron as súas experiencias como transmisoras dunha tradición que combina creatividade, sabedoría popular e traballo comunitario. As alfombreiras, depositarias de códigos simbólicos transmitidos xeración tras xeración, foron recoñecidas como “artífices dunha tradición ancestral que dinamiza a vida social das vilas e transcende fronteiras”, nas palabras do presidente da Deputación, Luis López, quen pechou o acto destacando: “A vosa arte é efémera; a vosa pegada, imborrable”.

Este faladoiro, que marca o inicio da terceira tempada do programa, busca visibilizar a mulleres pioneiras e referentes cuxas historias non adoitan aparecer nos libros. As alfombreiras, en particular, foron eloxiadas polo seu papel na preservación dunha manifestación cultural que, en concellos como Ponteareas —onde o Corpus foi declarado Ben de Interese Cultural en 2024—, é un símbolo de identidade e orgullo. A xornada tamén contou coa presenza da deputada de Igualdade, Sandra Bastos, quen subliñou a importancia de iniciativas como esta para avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.
A terceira edición de “Aquí Faltan Páxinas” continuará con novos faladoiros dedicados a figuras como as cantareiras de Gargamala, a modista Juana de la Cruz “Juaniña” ou a primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias, entre outras. O programa, que forma parte dun conxunto de accións da Deputación para promover a igualdade, reafirma o compromiso co recoñecemento do labor das mulleres que, co seu esforzo, constrúen o patrimonio cultural das Rías Baixas.
O podcast dedicado ás alfombreiras, así como os vindeiros episodios, estará dispoñible para que o público poida coñecer e valorar o legado destas mulleres extraordinarias que, coas súas mans, tecen non só alfombras, senón tamén a historia viva da provincia.










