Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Illa de San Simón, Declarada Lugar de Memoria Democrática nun Acto de Xustiza Histórica

542242294_17907805614219148_4303124644124961157_n

A illa de San Simón, situada no corazón da ría de Vigo, foi declarada oficialmente Lugar de Memoria Democrática nun emotivo acto celebrado este mércores, que reuniu a representantes políticos, colectivos memorialistas e familiares de vítimas da represión franquista. A cerimonia, cargada de simbolismo, rendeu homenaxe ás preto de 6.000 persoas que sufriron reclusión no penal da illa entre 1936 e 1943, en condicións infrahumanas, e ás máis de 500 que faleceron debido á fame, as enfermidades e a brutalidade do réxime.

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, subliñou que “con la incoación del expediente de Lugar de Memoria de las islas de San Simón y San Antón se rescata del silencio y del olvido un escenario singular de la represión franquista”. Martínez destacou que a declaración constitúe “un acto de justicia y reparación hacia todas aquellas personas que sufrieron persecución y represión en San Simón” e afirmou que o Goberno de España “asume el compromiso de mantener vivo este espacio como símbolo de memoria democrática, para las generaciones presentes y futuras”. Engadiu que “más de 5.600 personas pasaron por el penal entre finales de 1936 y 1943 y que al menos 517 murieron en la isla víctimas del hacinamiento, el hambre y las enfermedades”.

Fernando Martínez.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, expresou o seu agradecemento ao Goberno central pola declaración, que “repara a memoria dos presos, das súas familias e das mulleres coñecidas como Madriñas, que os apoiaron en tempos tan duros”. Rivas fixo un chamamento á Xunta de Galicia para recuperar a Fundación Illa de San Simón e promover actividades vinculadas á memoria histórica, criticando a xestión actual que permite eventos “totalmente irrespectuosos” co pasado da illa, como “eventos piratas, ginkanas, procuras do tesouro ou competicións de bachata”. A alcaldesa insistiu na necesidade de “un plan especial de usos” que priorice a memoria e inclúa sinalización que informe do pasado recente da illa.

Digna Rivas.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, resaltou que esta declaración “repara la dignidad de las víctimas y honra a Galicia”, poñendo en valor o simbolismo dun espazo que foi mosteiro, lazareto e campo de concentración franquista. Blanco salientou que “aquí vivió y murió gente por defender la democracia o por pensar diferente; por todos ellos y ellas, hoy recordamos y hacemos historia”. Ademais, recoñeceu o traballo das asociacións memorialistas e da alcaldesa de Redondela por facer de San Simón “un espazo vivo de recordo e dignidade”.

Pedro Blanco.

A comisionada do proxecto @50enlibertad, Carmina Gustrán, evocou o sufrimento dos presos republicanos, sinalando que a illa representa “o poder cruel y omnímodo de la dictadura, frente al que hoy celebramos 50 años del principio de su fin y el inicio de un horizonte de esperanza y cambio para nuestro país”. Gustrán lembrou que “la Isla de San Simón fue uno de los principales campos de concentración de presos republicanos procedentes de toda España, sometidos a condiciones inhumanas”.

Carmina Gustrán.

No acto tamén interveu Montse Fajardo, en representación do movemento memorialista galego, quen denunciou a “banalización” da illa por parte da Xunta, que autorizou actividades “que ofenden as familias e luxan a biografía das vítimas”. Fajardo recordou o caso de Rosario Hernández, a Calesa, asasinada o 3 de setembro de 1936, e citou unha carta de José Mejuto, preso na illa, que pedía ás súas fillas lembrar o seu paso por San Simón: “Cuando seáis mayores y hagáis una visita a esta isla, no como yo la he hecho, a la fuerza y con las manos atadas, sino en plena libertad, recordad que allí ha estado vuestro padre”. Fajardo instou a que estas palabras se graven nun letreiro na illa, como símbolo da loita por un país mellor.

Montse Fajardo.

O acto, que contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e representantes de colectivos como a Iniciativa Galega pola Memoria, consolidou a illa como un espazo de reflexión e homenaxe. A declaración de San Simón como Lugar de Memoria Democrática non só honra ás vítimas, senón que tamén reforza o compromiso coa verdade, a xustiza e a reparación, nun momento no que, como advertiu Fajardo, “os discursos que alimentaron o terror volven resoar”. A illa, que na súa historia foi testemuña de episodios como a lírica medieval, a Batalla de Rande ou o seu uso como lazareto, reafírmase agora como un símbolo de resistencia e dignidade democrática.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará