Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A asamblea pola sanidade pública de Redondela impulsa unha folla de ruta de mobilizacións en setembro

530251083_763039323144500_5608848584731108035_n

Foto da Asemblea celebrada o 7 de agosto na Casa da Cultura

Concentracións e recollida de firmas buscan visibilizar as carencias nos centros de saúde de Redondela, Chapela, Pazos de Borbén e Fornelos

A Asamblea pola Sanidade Pública de Redondela reuniuse con cidadanía e colectivos veciñais dos concellos de Redondela, Fornelos de Cos e Pazos de Borbén para trazar unha folla de ruta contra o deterioro do sistema sanitario galego. A xuntanza, centrada na análise da situación dos centros de saúde da área, fixo fincapé na necesidade de mobilizar á poboación para evitar que a crise sanitaria se normalice, unha situación que, segundo denuncian, compromete dereitos fundamentais. A plataforma destacou o papel clave dos profesionais sanitarios, que, malia as adversas condicións laborais, sosteñen o sistema público co seu esforzo e vocación.

Ana, voceira da plataforma, explicou as graves carencias que afectan aos centros de saúde da zona: “O verán está acabando, pero segue habendo saturación nos centros de Redondela, Chapela, Fornelos e Pazos de Borbén pola falta de médicos e enfermeiras. Non se cobren as ausencias de profesionais, e as gardas obrigatorias agravan a situación. En Redondela e Chapela, as citas poden demorarse ata 15 días, mentres que en Fornelos hai esperas de ata 20 días”. Ademais, sinalou que en Fornelos e Pazos, a pesar de contaren cun médico asignado, a non substitución de baixas e as gardas provocan importantes demoras.

Entre as principais deficiencias denunciadas están a falta de cobertura de profesionais, demoras de ata 30 días para análises de sangue e a obriga de desprazarse máis de 18 quilómetros para recibir atención médica en Fornelos e Pazos. A carencia de pediatras afecta a uns 150 nenos nestes concellos veciños, e o sistema de citación SIDE, especialmente en Chapela, foi criticado por vulnerar a intimidade dos pacientes. “No sistema SIDE, os usuarios teñen que explicar os seus síntomas nunha ventanilla, a carón doutra, diante de terceiras persoas, o que consideran unha vulneración da súa privacidade”, afirmou Ana. A plataforma esixe a cobertura total de profesionais, o retorno do servizo de pediatría, citas en menos de 48 horas e medidas que garantan a confidencialidade dos pacientes.

A situación actual, segundo a asamblea, provoca estrés nos profesionais sanitarios e satura os servizos de urxencias, primeiro nos centros de saúde de Redondela e, posteriormente, no Hospital Álvaro Cunqueiro. A plataforma advirte que a precariedade do sistema público parece deseñada para favorecer a sanidade privada, unha deriva que queren combater. “A sanidade pública non se vende, deféndese”, proclamaron, reafirmando o seu compromiso cunha atención sanitaria digna e accesible.

Para visibilizar estas demandas, a asamblea convocou dúas concentracións en setembro: o mércores 4, ás 19:00, diante do Concello de Redondela, e o día 11, ás 11:00, fronte ao centro de saúde de Chapela. Esta última hora escolleuse, segundo Ana, porque “os usuarios de Chapela consideran que pola mañá hai maior afluencia de xente, o que facilita a participación”. Ademais, instalaranse mesas de recollida de firmas durante as concentracións e o sábado de feira, nos soportais do Concello de Redondela, co obxectivo de reunir o apoio de “polo menos 4.000 ou 5.000 persoas” para trasladar as demandas á Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, considerada a principal responsable de corrixir estas deficiencias.

A plataforma fai un chamamento a profesionais e usuarios para unirse a esta loita social. “Despois destas concentracións, valoraremos os seguintes pasos a seguir, pero seguiremos recollendo firmas e mobilizándonos”, asegurou Ana, quen insistiu en que a cidadanía debe implicarse para garantir unha sanidade pública de calidade. As firmas recollidas serán entregadas á Xerencia da Área Sanitaria de Vigo para esixir solucións inmediatas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará