A Deputación de Pontevedra elixiu o Pazo de Petán en Redondel para dar o pistoletazo de saída á terceira edición do seu programa “Aquí faltan páxinas”, que busca visibilizar o papel das mulleres na historia e na cultura. O acto, que contará coa presenza do presidente provincial, Luis López, e da deputada de Igualdade, Sandra Bastos, terá como protagonistas ás alfombreiras, en especial as redondelás Susana Ricón e Mayka Cabaleiro.
O faladoiro, que terá lugar este xoves catro de setembro ás 20:00 horas, reunirá a estas artistas redondelás xunto a outras referentes da provincia, como María Carrera Otero (Ponteareas), Loli do Campo (Bueu) e Tere Pereira (Gondomar), para poñer en valor o seu labor na creación das alfombras de flores, unha tradición que en Redondela é un emblema cultural presente nas Festas da Coca. Estas mulleres, transmisoras dunha sabedoría herdada de xeración en xeración, son as responsables de manter viva unha arte efémera que enche de cor e simbolismo as rúas cada primavera.
O traballo das alfombristas, de carácter comunitario e interxeracional, foi recoñecido pola Federación de Alfombristas de Galicia, logrando a inclusión no censo galego de patrimonio inmaterial e a declaración como manifestación representativa do patrimonio español. Agora, agarda a resolución da UNESCO para ser recoñecida como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
O evento, que se poderá seguir en liña a través da web da Deputación, tamén será recollido nun podcast que inmortalizará os testemuños das alfombreiras. Esta actividade é só o comezo da nova edición de “Aquí faltan páxinas”, que continuará rescatando historias de mulleres destacadas da provincia, como as cantareiras de Gargamala, a modista Juana de la Cruz ou as pioneiras policías locais.









