Fotos da edición anterior
A Asociación Veciñal e Cultural Pozovello, xunto coa Escudería Pozovello e en colaboración co Concello de Soutomaior, organiza este sábado 30 de agosto unha nova edición da Baixada de Carrilanas en Arcade de Riba, un evento que alcanza a súa XIX edición e que este ano destaca polo seu carácter internacional. A proba, puntuable para a Copa Galicia de deportes de inercia, esgotou as 65 prazas de inscrición establecidas como límite, superando o interese rexistrado na edición anterior, o que obrigou a deixar participantes fóra.
O evento, que se consolida como un dos máis esperados do verán en Soutomaior, atrae non só a competidores de toda Galicia, senón tamén de fóra das nosas fronteiras. “Este ano vén xente de todas partes de Galicia, como é tradicional, pero tamén de Portugal, Asturias, País Vasco, Cantabria e mesmo de Cataluña. Ademais, hai uns días confirmouse a participación dunha familia británica afincada en Cataluña que construíu a súa propia carrilana na casa e, ao non atopar probas similares na súa rexión, decidiu viaxar ata Arcade co seu vehículo no teito do coche”, explica Bruno Rodríguez, membro da Asociación Pozovello, destacando a dimensión internacional desta edición.
O percorrido, dun quilómetro entre A Peneda e o barrio da Feixoeira, promete emocións fortes, con velocidades punta de ata 90 km/h que os bólidos alcanzan en menos dun minuto. A organización ten todo preparado para garantir a seguridade, con barreiras de pneumáticos e pacas de palla ao longo do circuíto. Ademais, haberá bar, carpa para pilotos, petiscos e bebidas, e a proba será retransmitida en directo pola canle de YouTube do Concello de Soutomaior, unha ferramenta que, segundo Rodríguez, foi clave para atraer participantes internacionais: “Esa familia de Cataluña atopou a proba buscando en internet, viu o calendario, revisou as edicións anteriores e decidiu vir polo ambiente e a boa organización que viu nos vídeos”.
O horario do evento comeza ás 11:00 horas coas verificacións, segue ás 12:00 cos adestramentos e culmina ás 17:00 coa baixada oficial, que o ano pasado reuniu a máis de 2.000 espectadores. A organización subliña o apoio do Concello de Soutomaior, fundamental para manter viva esta tradición nun contexto no que outras probas da zona norte de Galicia están a desaparecer por falta de respaldo institucional. “Na Copa Galicia competimos en varias localidades, como Meira, Valdoviño ou Muíños, e os nosos pilotos da Escudería Pozovello están a obter moi bos resultados”, asegura Rodríguez.

A Baixada de Carrilanas combina a emoción das categorías tradicionais, con carrilanas de madeira e rodamentos, coas máis modernas como os drift trikes. “Temos pilotos destacados, como Gabri, un rapaz de Soutomaior que vai primeiro no campionato galego, e outros como Rodrigo ou Héctor, que tamén están moi ben posicionados”, engade Rodríguez, poñendo en valor o talento local.
Este evento non só é unha competición, senón tamén unha festa que reúne a veciños e visitantes nun ambiente festivo e seguro, consolidando a Baixada de Carrilanas de Arcade como un referente no calendario de deportes de inercia, tanto en Galicia como fóra dela.










