Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Un Mar de xogos” chega ao Multiusos da Xunqueira con actividades para todos os públicos

WhatsApp Image 2025-08-29 at 13.29.31 (1)

Bico de Toupa no Concello de Ares

O Multiusos da Xunqueira transformarase, este venres e sábado, nun espazo de diversión para todas as idades coa instalación “Un Mar de Xogos”, unha proposta do colectivo Bico de Toupa que combina artesanía, creatividade e compromiso coa cultura mariña. A actividade, encadrada na programación do Concello, desenvolverase entre as 17:00 e as 23:00 horas.

A instalación, composta por unha ducia de xogos de madeira inspirados no mar, busca fomentar o xogo en familia e a conexión coa natureza. Segundo explica Luis Crespo, un dos responsables do colectivo, “fixemos unha investigación previa sobre a cultura mariña e os xogos tradicionais, adaptándoos cun toque artístico. Queremos reivindicar a rúa como espazo de xogo e promover o compartir interxeracional, onde pequenos e maiores gocen xuntos, poñendo en valor o coidado dos océanos”. Ao que engade que teñen previsto ampliar o proxecto con “instalacións de xogos con temática Celta e sobre as mulleres na literatura galega”.

Luis Crespo.

Entre os xogos, destacan propostas como Peixelín, un futbolín con peixes como protagonistas; Cruzar o charco, que require habilidade para lanzar cunchas; O equilibrio da raia, un desafío de equilibrio; ou Surfeiro, onde a puntería é clave. Algúns xogos están pensados para a primeira infancia (de 1 a 4 anos), como a área de construción con pezas Kapla, mentres outros, como Río arriba ou Pesca sostible, están deseñados para todas as idades. “Temos dúas áreas: unha para os máis pequenos, con xogos que estimulan o tacto e a creatividade, e outra con propostas para compartir en familia, como botar unha partida de hóckey ou devolver peixes ao mar cunha cana”, detalla Crespo.

Luis Crespo.

O creador subliña a importancia de recuperar o xogo tradicional fronte á crecente presenza das pantallas: “Nun mundo dominado polas novas tecnoloxías, a madeira invita a tocar, a sentir texturas, pesos e formas. É unha proposta necesaria que conecta coa nosa cultura e que ten cabida en festas, festivais ou calquera espazo público”. Ademais, engade que “os xogos de madeira estimulan a psicomotricidade, a atención e a creatividade, especialmente nos nenos e nenas, mentres conectan coa natureza”.

Luis Crespo.

Bico de Toupa: artesanía e compromiso cultural

Bico de Toupa, fundado en Redondela en 2017, é un colectivo multidisciplinar que combina a experiencia no teatro e nas belas artes. Dirixido por Ruth Rodríguez e Luis Crespo, o grupo destaca pola creación artesá de pezas únicas, mesturando técnicas como a talla ou a forxa. Ruth Rodríguez, graduada en Belas Artes e especializada en escultura, aporta a súa visión plástica, mentres que Luis Crespo, con formación en arte dramática e director do Festival Internacional de Títeres de Redondela, enriquece os proxectos coa súa experiencia teatral.

A instalación “Un Mar de Xogos” non só ofrece diversión, senón que tamén promove valores como a sustentabilidade e o respecto polo patrimonio mariño galego. Dous “mariñeiros” acompañarán aos participantes, axudando especialmente aos máis pequenos a gozar desta experiencia lúdica e educativa. Con esta proposta, Bico de Toupa convida a redescubrir a sinxeleza do xogo, facendo da rúa un espazo de encontro e imaxinación para toda a familia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará