Imaxe da Policía Local de Redondela
Un home resultou ferido en Chapela tras saírse da vía mentres fuxía dunha patrulla da Policía Local na noite do luns. Os axentes intentaron deter o condutor dunha motocicleta na Avenida de Redondela, tras constatar que carecía de permiso de condución vixente. Porén, o motorista iniciou unha fuxida temeraria, percorrendo a Avenida de Redondela, a rúa Pasán e o camiño Cascalleira, xa no concello de Vigo.
Dada a elevada perigosidade da persecución, os axentes decidiron interromper o seguimento para evitar riscos de colisión. Pouco despois, localizaron a motocicleta accidentada e ao condutor ferido a poucos metros do punto onde cesara a persecución. Os policías prestaron asistencia inicial ao home ata a chegada dos servizos médicos.
No lugar do accidente, dúas unidades de atestados da Policía Local de Vigo asumiron a investigación do suceso. A Policía Local de Redondela advirte sobre os perigos de condutas temerarias ao volante e reitera a importancia de cumprir coas normativas de tráfico.









