Iván Vázquez dirixindo o primeiro equipo, foto de Patry Rivas en Estación Balonmano
SAR OPMobility encara a nova tempada 2025/2026 na Primeira Autonómica Masculina con grandes expectativas tras unha campaña anterior na que consolidou a súa posición entre os mellores. O equipo redondelán despediuse da pasada tempada cunha vitoria contundente ante o Rasoeiro BM (31-22), asegurando a terceira praza e o pase á Final Four. Esta fase final, disputada en maio, rematou cunha derrota ante o BM Móstoles (16-31), pero a SAR deixou unha imaxe de loita e compromiso, representando o escudo con orgullo e demostrando un camiño de crecemento notable.
Na actualidade, o equipo atópase inmerso na pretempada, compaxinando os adestramentos coa participación na Copa Federación. O adestrador do primeiro equipo masculino, Iván Vázquez, fai un repaso da situación actual e das novidades para esta tempada. “Estamos metidos de cheo na Copa Federación, unha competición que xogamos contra os mesmos equipos da liga, pero nun formato diferente. Esta primeira fase de grupos, ao ser tan cedo, case a mediados de agosto, enfocámola como parte da pretempada. Serve para ir conectando e instaurando o noso modelo de xogo, pero, por suposto, queremos gañar, xa que despois veñen as roldas eliminatorias e a final, que se xogaría cara a decembro”, explica Vázquez.
O equipo xa disputou o primeiro partido da Copa Federación, cun resultado moi positivo tras golear ao Lavadores (38-22). “A verdade é que foi un bo comezo, pero todos os equipos están nesta fase incorporando xogadores novos ou xuvenís, polo que na liga imos atopar un nivel máis rodado. Aínda que lle damos importancia a todas as competicións, a liga é a nosa prioridade, xa que determina quen accede á fase de ascenso a unha categoría nacional, que é o noso gran obxectivo”, engade o técnico.
Reforzos e continuidade no modelo de xogo
Para esta tempada, a SAR OPMobility aposta por manter o modelo de xogo que tan bos resultados deu o ano pasado, cun equipo novo que combina solidez defensiva e continuidade no ataque. “Non cambiamos demasiado o estilo de xogo, que funcionou ben. A pesar de perder a Gabri, que se marcha de Erasmus, conseguimos reforzar a plantilla con xogadores que saen da categoría xuvenil. Creo que melloramos o equipo, e a clave será que os novos se adapten ben e acheguen a mesma calidade humana que o resto do grupo”, destaca Vázquez.
Sobre a incorporación de xogadores, o adestrador sinala: “Subiron sete xuvenís que participarán tanto no equipo senior como no filial. É unha situación complexa, porque moitos destes xogadores marchan estudar a cidades como Santiago, A Coruña ou Ourense, e iso complícalles os adestramentos. Aínda así, os que subiron comprometéronse a estar, e poderán xogar en ambas categorías, alternando entre o filial e o primeiro equipo para pelexar por un posto cada semana”.
Iván Vázquez fai balance da campaña pasada, destacando o traballo colectivo como clave do éxito. “Fomos un equipo que se caracterizou polo traballo semanal, a solidariedade en defensa e un reparto equitativo de goles no ataque. Non tivemos grandes estrelas, pero si un grupo que deixaba todo na pista. Con todo, houbo partidos nos que non fomos o suficientemente solventes, e iso traduciuse en derrotas que nos obrigaron a pasar pola Final Four antes da fase de ascenso. Este ano, cunha plantilla nova, de media 20 anos, queremos ser máis contundentes”, reflexiona.
O técnico tamén analiza a competencia na Primeira Autonómica: “Equipos como o Seis do Nadal e o Poio son os rivais a bater, a pesar de que perderon algúns xogadores importantes. Outros como Chapela ou Línea 21 tamén serán complicados. Creo que esta tempada será similar á anterior, pero chegamos con máis efectivos, o que nos permitirá competir mellor nunha fase de ascenso, que son tres partidos en tres días. Vexo a tempada con optimismo, e oxalá poidamos volver acoller a Final Four en Redondela”.
O nacemento do SAR Globalmar
Unha das grandes novidades do club é a creación do SAR Globalmar, un equipo filial masculino e outro feminino que debutarán na Segunda Autonómica na tempada 2025/2026, grazas ao apoio da empresa Globalmar como patrocinador oficial. Este proxecto reflicte o compromiso da SAR coa formación de xogadores e o fomento do balonmán local. “O filial é fundamental para que os xogadores xuvenís que aínda non están listos para o primeiro equipo poidan competir e medrar. Non pensamos en primeiro e segundo equipo, senón en dous grupos de traballo. Eu encárgome dun grupo e Manel do outro, pero as ideas son comúns. Queremos que o filial teña os seus propios obxectivos competitivos, e se puidese pelexar polo ascenso á Primeira Autonómica, sería un soño”, explica Vázquez.
O equipo filial feminino estará dirixido por Xeily Fervenza, quen deixa o seu exitoso equipo infantil, que logrou estar entre os oito mellores de España, para asumir este novo reto. “Era unha necesidade para nós. Temos moitas fichas senior, o que nos permite levar dous equipos con garantías. Os xogadores que quizais non teñan minutos no primeiro equipo ou que aínda están verdes para unha categoría nacional terán no filial un espazo para competir, gozar e ser importantes”, destaca o adestrador.
Un corpo técnico consolidado
No apartado técnico, Vázquez valora o traballo do equipo que o acompaña: “Seguimos co mesmo corpo técnico do ano pasado, con Ferre como segundo adestrador e encargado da análise de vídeo, e Manel, que foi o gran fichaxe do ano pasado pola súa implicación. Tamén está Javi Rivas, o delegado e directivo do club, que fai que todo funcione perfectamente. Tentamos incorporar unha persoa máis, pero foi complicado, así que asumimos un pouco máis de traballo para levar o filial e o primeiro equipo”.
Próximos retos
A SAR OPMobility xogará o seu próximo partido da Copa Federación este domingo, 31 de agosto, ás 18:00 horas no Pavillón da Bomboneira. As semifinais da competición están programadas para o 21 de setembro, e a liga comezará o 28 de setembro. Coa mirada posta no ascenso e co apoio da súa afección, a SAR encara unha tempada chea de retos e ilusión, co obxectivo de consolidar o seu proxecto deportivo e seguir facendo historia no balonmán redondelán.










Unha resposta
O equipo filial masculino estará dirixido por Xeily Fervenza.
Hay una erro. El equipo masculino, estará dirigido por Manel, no por Xeily Fervenza estará el femenino.