Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER reclama unha reformulación do Entroido de Verán: Villar lamenta que se converta en ‘emporcar e que limpen outros’

1000023235

Fotografía facilitada por AER da Alameda de Castelao antes da limpeza do Concello

O que comezou como unha pequena reunión de disfraces na praza da Constitución fai 26 anos transformouse nunha celebración masiva que, segundo a Agrupación de Electores de Redondela (AER), require unha profunda revisión para corrixir os seus excesos.

AER destaca o valor desta festa, que traslada o espírito do entroido tradicional a unha época de clima favorable, pero advirte que o seu formato actual derivou nun macro-botellón descontrolado, promovido pola organización municipal. A alcaldesa, Digna Rivas, celebra a afluencia masiva como un indicador de éxito, pero AER critica que non se teña en conta o impacto negativo: rúas convertidas nun escenario caótico, con comportamentos incívicos que afectan á veciñanza e xeran custos elevados.

Roberto Villar (AER), concelleiro de Vías e Obras, lamenta a situación: “O Entroido resúmese nun ‘ti emporca, que nós limpamos’. Redondela non pode soportar un evento así”. Como exemplo, sinala que dos 130 contedores de lixo instalados este ano, revisados ás 4:30 da madrugada do domingo, a maioría estaban a menos da metade da súa capacidade, mentres o chan estaba cuberto de toneladas de residuos. Este feito evidencia a falta de civismo dalgúns asistentes e a insuficiencia das medidas actuais.

O Concello inviste máis de 100.000 euros en cada edición, con gastos crecentes en música, seguridade, protección civil, médicos, limpeza, barreiras no río, aseos e contedores. AER cuestiona esta “fuxida cara adiante”, na que se incrementan os recursos sen abordar o problema de fondo: a transformación da festa nunha macro-discoteca ao aire libre, con barras de bebidas alcohólicas funcionando durante máis de 12 horas e miles de persoas deixando lixo polo casco urbano.

Un chamamento á reflexión

AER fai un chamamento ás forzas políticas e á cidadanía para repensar o Entroido de Verán. Defenden a súa continuidade, pero cun formato que fomente comportamentos responsables e respectuosos co entorno e co descanso da veciñanza. “É unha festa marabillosa, pero debe ser racionalizada para evitar que expulse aos veciños das súas rúas e prazas”, sinalan. A agrupación propón unha reflexión colectiva para garantir que o evento preserve o seu espírito orixinal sen comprometer a sustentabilidade nin a convivencia en Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará