A Carballeira do Peirao de Arcade acolleu con éxito a terceira edición do Punkativada, un festival que reuniu a centos de familias do concello e da contorna durante unha fin de semana chea de música, teatro e actividades para todas as idades.
O sábado arrancou cun obradoiro onde pequenos e maiores puideron personalizar o seu estilo con peiteados, maquillaxe e tatuaxes temporais. Ás 13:00, “A Banda dos Insectos” animou ao público cos seus ritmos e a súa mascota “Vespi”, que puxo a todos a bailar. Pola tarde, “As Tareixas” presentaron o seu novo disco, seguidas do espectáculo teatral Moby Dick Pedras e Cartón. O broche do día chegou con Con Lingua Propia de Peter Punk, que sacou risas a un público entregado.

O domingo continuou co mesmo espírito. Obradoiros como “Superpoderes das aves” ou “Oficios do futuro”, cunha demostración de imprenta tradicional, captaron a atención dos asistentes. O teatro de monicreques estivo presente con A Utópica Rondante: de Vilatriste a Vilalegre de Teatro ao Cubo, que mesturou diversión e unha mensaxe ecolóxica. O momento máis agardado chegou co concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, que fixo vibrar a carballeira con cancións como A Carolina, Muxía&Roll ou Máis galego.

O Concello de Soutomaior destacou a boa acollida do festival e confirmou que a cuarta edición do Punkativada terá lugar a penúltima fin de semana de agosto de 2026, con novas propostas para seguir atraendo a familias da comarca.










