A Asociación Cultural Latexos de Redondela vén de poñer en marcha un ambicioso proxecto para crear un coro de canto polifónico, bautizado co nome do eminente musicólogo redondelán Casto Sampedro. Este novo grupo coral, dirixido por María Oliveira e con Nardo Otero como un dos seus impulsores, reúne a 27 persoas comprometidas co obxectivo de recuperar e promover a tradición do canto coral na vila, seguindo a estela de formacións históricas como a Coral Apóstol Santiago e outras agrupacións parroquiais actuais.
A idea de crear o coro xurdiu, segundo explica Nardo Otero, dunha serie de conversas entre amigos e membros da asociación que, coñecendo a rica traxectoria musical de Redondela, decidiron dar un paso adiante. “A xente en Redondela sempre cantou, nas tabernas, nas rúas, e hai mostras de agrupacións de todo tipo. Queriamos dar un paso máis e crear un coro que, sen deixar de lado o canto popular, se atreva coa polifonía, abarcando desde o repertorio tradicional ata a música considerada culta”, sinala Otero. Este proxecto, que levou anos de preparación, contou co apoio decisivo da Fundación Filomena Rivera, a través de Telmo Crespo, que proporcionou o impulso necesario para consolidar a iniciativa.
María Oliveira, directora do coro, destaca a súa ilusión polo proxecto: “Non hai complicacións para unirse. Teño grandes expectativas e espero que formemos un bo repertorio, fagamos cousas bonitas e axudemos a enriquecer a cultura local, creando harmonía entre todos”. A formación, que xa conta con 27 membros comprometidos, require unha pequena achega económica dos participantes para cubrir os custos da dirección profesional, o que, segundo Otero, reflicte o nivel de compromiso dos integrantes. “Non é só vir cantar, hai que facer deberes na casa, estudar e ensaiar. Pero animo a todos a probar, non hai que ter medo”, engade.
O coro, que comezará os seus ensaios o vindeiro 1 de setembro no Multiúsos da Xunqueira os luns e mércores de 17:30 a 19:30, está aberto a novas incorporacións. Nardo Otero fai un chamamento especial aos homes, que segundo observa, “se animan menos a participar”. O grupo é diverso en idades, con membros que van desde os 30 ata os 70 anos, o que, segundo María Oliveira, enriquece o proxecto. “Cantar nun coro é un traballo en equipo, axudámonos entre todos. Non fai falta experiencia previa, porque a afinación e outras técnicas apréndense co tempo”, explica a directora.
Ademais do labor musical, o coro busca ser un espazo de convivencia e aprendizaxe. “Non se trata só de cantar, senón de coñecerse, aprender xuntos e gozar do tempo compartido. Cantar é unha forma de expresarse e de disfrutar”, apunta Otero. O repertorio, que aínda está por definir, buscará reflectir a diversidade de gustos e sensibilidades dos membros, coa intención de crear un proxecto colectivo e inclusivo que vaia máis aló do habitual.
A Asociación Cultural Latexos invita a toda a cidadanía a sumarse a esta iniciativa que promete enriquecer a vida cultural de Redondela e perpetuar o legado musical da vila. Para máis información ou para unirse ao coro, poden contactar coa asociación ou acudir aos ensaios no Multiúsos da Xunqueira.









