Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior homenaxea á “Marquesa Vermella”

maría vinyals

Un obradoiro itinerante de fotografía e un concerto inauguran este xoves 14 os actos en homenaxe á María Vinyals y Ferrés, escritora, xornalista, sufraxista, activista social e unha das pioneiras da reivindicación feminista en Galicia, alcumada “Marquesa Vermella”. Co gallo do 150 aniversario do seu nacemento, o 14 de agosto de 1875, tamén hoxe comezará a empregarse na oficina de turismo un selo conmemorativo coa súa imaxe. No mes de outubro celebrarase en Soutomaior un congreso internacional sobre a figura de Vinyals.

Silvia Cernadas, Concelleira de cultura de Soutomaior

Co obxectivo de rememorar a vida de Vinyals, coñecida como ‘A Marquesa Vermella’ pola súa alta implicación nas causas sociais, a Concellería de Cultura ten preparadas unha serie de actividades que arrancan hoxe cun obradoiro itinerante de iniciación á fotografía, xa que a propia María Vinyals era unha gran amante da fotografía (mesmo contaba cunha cámara propia). O obradoiro comezará no Monte da Peneda, pasará polo Castelo de Soutomaior e rematará na capela de San Cidre (Peña de Francia), en Aranza. As persoas interesadas aínda poden inscribirse a través da páxina web do concello.

Ao remate deste obradoiro, sobre as 20:30 horas, terá lugar tamén na capela de San Cidre o concerto ‘María Vinyals no tempo’, que mesturará música de mulleres compositoras con textos de María Vinyals e que será interpretado por mulleres: Estíbaliz Espinosa Río, soprano e poetisa; Isabel Gómez Alonso, pianista; e Rosa Vázquez Arias, violinista. O concerto será aberto a todo o público que se queira achegar.

Ademais deste programa de actividades, dende hai meses a Concellería de Cultura traballa en propostas e iniciativas para conmemorar a Vinyals. Así, en xuño a Comisión Filatélica do Estado español aprobou a solicitude de facer un selo conmemorativo e o vindeiro 25 de outubro celebrarase un congreso internacional sobre a figura da ‘Marquesa Vermella’, que traerá a Soutomaior algúns e algunhas das maiores expertas sobre María Vinyals e que suporá “unha oportunidade fantástica de coñecer máis sobre a vida e traxectoria dunha das nosas veciñas máis ilustre” en palabras da edil de cultura, Silvia Cernadas.

A concelleira sinalou que “non se pode entender a nosa historia sen analizar a enorme influencia que tivo María Vinyals dende o punto de vista feminista e social. Os actos de conmemoración deste 150 aniversario do seu nacemento van supoñer un punto de inflexión no recoñecemento da súa figura a nivel municipal e estatal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará