A Asociación Alén Nós denuncia que, tras case seis meses desde o anuncio oficial da restauración do conxunto escultórico do Capitán Nemo, non se observou ningún avance nas xestións comprometidas pola Xunta de Galicia. O mal estado da escultura instalada na praia da Punta no ano 2004 en homenaxe á novela Vinte mil leguas de viaxe submarina de Xulio Verne segue presentando un preocupante estado de deterioro cun dos seus buzos derruído e o outro completamente cuberto de moluscos o que fai perigar a súa integridade.
No mes de marzo, a Consellería de Cultura anunciou que xa estaba encargado o traballo de restauración ao escultor Sergio Portela, valorando os investimentos realizados desde 2012 —uns 20.000 € repartidos en catro intervencións— e insistindo na importancia de preservar esta peza patrimonial. Non obstante, eses anuncios non se traduciron en accións palpables nin en ningunha forma de comunicación oficial sobre o estado dos traballos.
Alén Nós lembra que o conxunto escultórico data do ano 2004 e a obra é autoría de Moncho Lastra e Sergio Portela. As pezas foron restauradas en 2012 pola Fundación Illa de San Simón. Desde a súa disolución ese mesmo ano e a asunción da xestión pola Consellería, o conxunto vén evidenciando unha deterioración crónica por falta de mantemento.
Ante esta situación o colectivo reclama información sobre o estado e cronograma da restauración, mobilización dos recursos anunciados e integración real do Concello de Redondela na Fundación Museo do Mar de Galicia, para garantir unha xestión participativa e sensible á realidade local.
Lembran que este conxunto escultórico é de gran valor artístico e turístico para Redondela e que permanecer sen intervención constitúe “unha mostra de indiferenza cara ao patrimonio cultural e o legado colectivo”.