O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez (de azul) na presentación da campaña.
A Concellería de Medio Ambiente de Redondela, liderada por Alberto Álvarez, e a asociación de saúde mental Lenda únense para impulsar “Re-CORTIZA”, unha iniciativa pioneira en Galicia que combina reciclaxe de tapóns de cortiza con inclusión social, en colaboración coa empresa Amorim Cork. O proxecto busca dar unha segunda vida a este material natural, promovendo a economía circular e a integración laboral.
O programa “Re-CORTIZA” céntrase na recollida de tapóns de cortiza en establecementos hostaleiros, onde se xeran grandes cantidades deste residuo. “É un material con múltiples usos, como illamento na construción, compoñentes aeronáuticos ou artesanía”, destaca Álvarez, que fai un chamamento á hostalaría para unirse á iniciativa. Persoas usuarias do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Lenda serán as encargadas de recoller os tapóns, que se almacenarán en contedores especiais facilitados polo Concello. Posteriormente, Amorim Cork, líder no sector, reciclará o material e remunerará economicamente a Lenda.
A colaboración entre Lenda e o Concello non só fomenta a sostibilidade, reducindo residuos e promovendo a conciencia ecolóxica, senón que tamén impulsa a inclusión social ao involucrar ás usuarias e usuarios de Lenda nunha actividade que favorece a cooperación e o traballo en equipo. “É unha iniciativa que beneficia a todos: o medio ambiente, os participantes e a comunidade”, subliña Álvarez.
Nos próximos días, Lenda e a Concellería distribuirán contedores de cartón nos locais adheridos para facilitar a recollida. O edil confía na implicación dos hostaleiros, “que sempre mostraron compromiso social e ambiental”, e anima a gardar os tapóns para contribuír a este proxecto de impacto ambiental e social.









