O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Redondela cualifica de “pouco rigoroso” o anuncio da sinatura do convenio para a humanización da Avenida de Mendinho, no casco urbano da vila, e acusa a PP e PSOE de priorizar titulares propagandísticos fronte a unha verdadeira mellora da calidade de vida da veciñanza. Segundo o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, a reforma, que conta cun investimento de 1,6 millóns de euros, non aborda unha recuperación integral da estrada nin responde ás necesidades dos residentes, especialmente na zona de Catapeixe, a máis poboada da avenida.
A intervención, segundo o BNG, limítase a “cambiar beirarrúas” sen ampliar espazos para peóns nin mellorar a mobilidade. O proxecto, dividido en varias fases, destina unha parte importante do orzamento a enlousados no tramo inicial, pero a medida que se afasta do casco urbano, as beirarrúas pasan a ser de cemento e mantéñense as súas dimensións actuais. Mesmo na zona residencial e preto do Centro de Saúde, priorízase a consolidación de prazas de aparcamento en toda a avenida, o que González critica como unha aposta clara a favor dos coches en detrimento dos peóns. “Elixiron que os coches gañen terreo”, lamenta.
O BNG tamén sinala a falta de atención á accesibilidade na contorna do Centro de Día e Fogar Residencial, o único de carácter público en Redondela, onde se deberían garantir condicións adecuadas para os seus usuarios. Ademais, recordan que en 2020 propuxeron incorporar un carril bici para converter a avenida nun espazo de esparcemento, unha idea que, segundo González, foi rexeitada polo goberno local.
O voceiro nacionalista critica o modelo de urbanismo “faraónico” de PP e PSOE, que cualifica de “máis do mesmo”, e defende a alternativa do BNG, centrada en priorizar a mobilidade sostible e os espazos de encontro para mellorar a calidade de vida da veciñanza. González tamén reprocha á alcaldesa, Digna Rivas, por non ter en conta o criterio da súa actual asesora de alcaldía, quen, como deputada galega, defendía un modelo oposto ao agora aprobado. Ademais, acusa a Rivas de “ningunear” o Consello Parroquial de Cesantes ao non informalo do proxecto, nun novo exemplo de falta de participación veciñal.
O BNG insiste en que a reforma da Avenida de Mendinho non cumpre cos obxectivos de humanización e esixe un urbanismo que poña ás persoas no centro. “Non se trata só de asfalto e alumeado, senón de crear espazos para a xente”, conclúe González.









