A parroquia de Santa María de Reboreda vivirá hoxe, martes 5 de agosto, un día de festa coa inauguración do seu campanario, restaurado tras os graves danos sufridos polo impacto dun raio en marzo de 2022. Coincidindo co inicio da novena en honra á Virxe María, patroa do templo, a comunidade parroquial reunirase para celebrar este fito, que devolve o esplendor a un dos elementos máis emblemáticos desta igrexa barroca do século XVII.
Os actos comezarán ás 17.00 horas cun obradoiro de toques de campá, organizado en colaboración coa asociación cultural «Campaneiros de Galicia». A continuación, as campás da igrexa, que milagrosamente resistiron intactas o impacto do raio, repenicarán e voltearán para anunciar o inicio da novena. Ás 20.30 horas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía e procederá á bendición do campanario restaurado, nun acto que incluirá a proxección dunha reportaxe sobre o laborioso proceso de reconstrución.
O 8 de marzo de 2022, un raio golpeou a cúpula do campanario, provocando a caída de máis de cen bloques de pedra e danos no tellado e na balaustrada. Baixo a dirección do mestre canteiro Pelayo Alfaya, iniciouse un minucioso traballo de restauración, que incluiu a clasificación dos bloques, un premontaxe a tamaño real no atrio e a integración de dez novas pezas para recompoñer as 22 toneladas de pedra da estrutura. A Xunta de Galicia destinou 300.000 euros para consolidar a fachada, reforzar a estrutura e recolocar a cúpula, un proxecto que culminará a mediados deste 2025.

O campanario de Santa María de Reboreda alberga tres campás de gran valor: a maior, de 423 kg e fundida en 1997 por Abel Portilla en Cantabria; a mediana, de 217 kg; e a pequena, de 82 kg, ambas fundidas en 1962 pola «Casa Cabrillo» de Salamanca. A igrexa, un exemplo sobresaínte do barroco galego, recupera así un dos seus símbolos máis queridos, nunha xornada que unirá fe, tradición e orgullo comunitario.










